Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 04/05/2025 | Actualizada ás 15:00
Sabías que podes poxar por unha Thermomix no portal oficial de subastas do BOE? Non, non é broma: xunto a garaxes e pisos embargados por Facenda, estes días atópanse tamén en poxa pequenos electrodomésticos coma unha batedora, un torrador, unha licuadora ou mesmo unha máquina de cortar friame. As poxas están xestionadas pola Axencia Tributaria dende a súa sede na Coruña e están abertas ata o vindeiro luns 5 de maio. Entre os lotes destaca unha Thermomix co seu número de serie visible --pola que xa hai xente puxando--, unha zumeira da marca Zummit e varios televisores de plasma LG de 103 e 140 centímetros.
Aínda que sorprende atoparse con obxectos tan cotiás nun portal máis asociado a embargos millonarios ou propiedades inmobiliarias, estes bens adoitan proceder de procesos de embargo a empresas ou particulares con deudas pendentes. Polo que si, aínda que pareza incríble, ata unha plancha ou un torrador poden rematar baixo o martelo dixital do BOE, en poxas que máis semellan propias dunha feira que dun embargo fiscal. A conclusión? Calquera ben susceptible de valor pode rematar en poxa. Quen dixo que Facenda non tiña sentido do humor?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.