O PSOE propón investigar e ensinar nas escolas o 'bibliocausto' franquista

A iniciativa lembra que a primeira queima pública de libros tivo lugar na Coruña en agosto de 1936

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 04/05/2025 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei que busca recoñecer e condenar as queimas de libros impulsadas polo réxime franquista durante e tras a Guerra Civil, así como impulsar a investigación e o ensino destes feitos nos centros educativos.

Queima de libros no franquismo
Queima de libros no franquismo | Fonte: Imaxe xerada con IA

A proposta chega co gallo da próxima conmemoración, en novembro, dos 50 anos do falecemento de Francisco Franco, e persegue tamén homenaxear o labor e o compromiso co saber de libreiros, bibliotecarios, editores e docentes que foron represaliados ou executados por defender a cultura e a liberdade de pensamento.

Entre os episodios que se lembran, destaca a primeira gran queima documentada, que tivo lugar na cidade da Coruña o 19 de agosto de 1936, cando foron destruídos máis de 1.000 volumes, incluíndo obras de Unamuno, Baroja, Ortega y Gasset ou Blasco Ibáñez, así como a biblioteca persoal de Santiago Casares Quiroga, expresidente do Consello de Ministros da República. Nese contexto, tamén foi asaltada a editorial galega 'Nós', e o seu director, Ánxel Casal, fusilado polos sublevados.

Os socialistas denuncian que moitos destes episodios quedaron fóra da memoria oficial pola intención do réxime de borrar os vestixios da represión cultural. "É urxente reconstruír este capítulo escuro da nosa historia", afirman, e incorporalo ao currículo escolar como ferramenta de memoria e xustiza.

O texto lembra tamén a existencia de listas negras e depuracións nas bibliotecas públicas e privadas, así como a existencia dos chamados "infernos", espazos restrinxidos onde se gardaban libros prohibidos ata a morte do ditador en 1975.

A iniciativa menciona casos como o da pedagoga Juana María Capdevielle, o do libreiro Miguel d’Iom ou a bibliotecaria Pilar Salvo, entre outras vítimas da represión. Tamén se salienta o castigo administrativo imposto a profesionais como María Moliner ou Carmen Caamaño, separadas dos seus postos por colaborar coa República.

O PSOE defende que a posta en valor destas historias é clave para comprender "o alcance da represión cultural" e valorizar a loita pola liberdade de expresión nun país onde, durante décadas, a cultura estivo baixo censura e ameaza de destrución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta