A Xunta programa 250 queimas preventivas en 2025 para frear o avance dos incendios forestais

O Pladiga recolle a maior superficie intervida con lume controlado desde a posta en marcha desta ferramenta de prevención

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2025 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural prevé realizar en 2025 250 queimas controladas en montes galegos, nunha superficie de 1.437 hectáreas, segundo recolle o borrador do Pladiga, o plan de loita contra incendios da Xunta que se someterá a aprobación nas vindeiras semanas. Trátase da maior intervención prevista mediante esta técnica desde que se iniciou a súa implantación como estratexia preventiva.

O conselleiro de Medio Rural, José González supervisa unha queima prescrita nunha parroquia de Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press
O conselleiro de Medio Rural, José González supervisa unha queima prescrita nunha parroquia de Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press

A medida ten como obxectivo crear descontinuidades na vexetación e reducir a carga de biomasa acumulada, unha das principais causas da propagación dos lumes. A previsión duplica o número de queimas e triplica a superficie con respecto ao ano anterior, cando se executaron arredor de 100 accións sobre menos de 600 hectáreas.

As queimas estarán distribuídas polas catro provincias, adaptándose ás necesidades de cada territorio. A Coruña lidera en extensión, con máis de 620 hectáreas, mentres que Lugo encabeza en número de intervencións, con 86 parcelas afectadas. Pola súa banda, Ourense rexistrará accións en 306 hectáreas e Pontevedra, en 122.

A maiores, 46 das queimas programadas desenvolveranse en espazos da Rede Natura, concretamente en Lugo e Ourense, o que obrigará a seguir protocolos máis restritivos para garantir a conservación da biodiversidade.

Desde a administración galega, deféndese o uso do lume como "ferramenta tradicional e eficaz", lembrando que o abandono das actividades agrogandeiras favoreceu a proliferación de combustible vexetal. O plan destaca que as queimas preventivas permiten resultados "visibles e medibles", sempre baixo control técnico e seguridade.

Expertos como o doutor Juan Picos, da Universidade de Vigo, veñen reclamando un cambio de paradigma na prevención de incendios, apostando por prácticas como o "pastoreo do lume", consistente en aproveitar o inverno para queimas de baixa intensidade que eviten incendios de maior impacto durante o verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta