Por gcdeportes | A Coruña | 15/05/2016 | Actualizada ás 18:12
Ficha técnica:
Leyma Coruña 61: Zach Monaghan (2), Dago Peña (11), Larry Abia (2), Zyle (4) e Sergio Olmos (11) –cinco inicial- Burjanadze (15), Ben Stelzer (6), Ángel Hernández (2), Joan Creus (5), Tomas Hampl (1) e Chus Castro (2).
Melilla 81: Jorge Sanz (11), Suka-Umu (16), Eloy Almazán (3), Edu Gatell (8) e Héctor Manzano (12) –cinco inicial- Sonseca (5), Josep Franch (7), Brandon Edwards (8), Zengotitabengoa (9), Pablo Almazán (2) e Larraona (0).
Parciais: 20-22, 13-21 (33-43), 14-22, 14-16 (61-81).
Árbitros: Jose Antonio Pagán Baró e Francisco Zafra. Eliminaron por cinco faltas persoais a Hernández-Sonseca e Pablo Almazán.
Incidencias: cuarto partido das semifinais polo ascenso á ACB no pavillón municipal de Riazor ante preto de 5.000 espectadores.
Non puido ser, malia o apoio da bancada de Riazor. O Básquet Coruña caeu 61-81 ante un Melilla desta volta moi superior e terá que loitar polo pase á final dos play-off de ascenso nun quinto partido en cancha rival. Os de Tito Díaz xogaron o peor partido en moito tempo (61 foi a anotación máis baixa de toda a campaña), e nunca puideron impoñer o seu ritmo de xogo ante un rival duro en defensa e máis experimentado. Leyma cometeu 17 perdas de balón e acabou cun 30% de acerto en tiros de campo: 33% en tiros de dous e 25% en triplas. Martes ás 21.00 horas, o desenlace da serie.
Básquet Coruña comezou cargando o xogo sobre Sergio Olmos (autor dos seis primeiros puntos locais), pero Melilla castigaba a defensa coruñesa con dúas triplas de Manzano e axiña abriu oco (4-12) tras un parcial de 0-9. Ben Stelzer saiu do banco para anotar unha tripla, respostada por Jorge Sanz (9-15). Un 2+1 de Olmos e a segunda tripla de Stelzer e Leyma empatou o partido (15-15). Os puntos de Suka-Umu por un lado e os de Beka Burjanadze polo outro, e o primerio cuarto acabou igualado: 20-22.
As perdas de balón locais provocaron un parcial de 0-6 visitante, e Tito Díaz parou o partido a 7:14 do descanso con 20-28. Dago Peña e unha tripla de Joan Creus apertaron o marcador e foi Alcoba quen detivo o partido (27-30). Pero só Burjanadze anotaba para o Leyma en cinco minutos e Melilla, cun parcial de 4-11, foise ao descanso xa con dez de vantaxe: 33-43.
Tralo paso por vestiarios, Leyma tentou darlle rapidez ao seu ataque, pero sen acerto, e Melilla, tras endurecer a súa defensa, con moitas axudas e moitas mans, acadou a máxima vantaxe: 41-55. Tito Díaz pediu tempo, anotaron de tres Dago Peña e Burjanadze (2+1), pero o cuarto rematou con seis puntos consecutivos de Suka-Umu para poñer a máxima diferenza: 47-65. Non houbou remontada heroica no último acto. Melilla abriu o cuarto cun parcial de 0-7 para acadar os 25 de vantaxe (47-72) e Leyma baixou os brazos como poucas veces este curso pensando xa no quinto partido en campo melillés.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.