'Ginzo de Limia', 'Arosa' ou 'Río Jallas': o Goberno mantén topónimos deturpados e di que non é da súa competencia

Esgrime que nos requisitos de matriculación "non se fai referencia a que o nome deba cumprir as regras de toponimia de idiomas oficiais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2025 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Embarcacións da Armada e da Garda Civil, que dependen dos Ministerios de Defensa e de Interior, están bautizadas con nomes de topónimos galegos españolizados e non hai visos de cambio, tendo en conta que o Goberno xustifica que nos requisitos de matriculación dos buques, axustadas ás normas internacionais, non hai obrigación de "cumprir as regras de toponimia de idiomas oficiais".

Así o ratifica o Goberno, nunha resposta a unha cuestión formulada polo BNG, á que tivo acceso Europa Press. En concreto, no caso da Armada, o Bloque aludía ao remolcador A-53 'La Graña', con base en Cádiz e en servizo desde 1981; e ao veleiro escola A-72 'Arosa', con base en Marín e en servizo desde 2014.

Pero algún alias é máis recente e como exemplo, a formación nacionalista e o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, alude a un dos buques do servizo marítimo da Garda Civil, dependente do Ministerio do Interior, no que se atopa o patrulleiro M-51 'Río Jallas', en servizo desde 2014 e con base na Coruña. Rego, na súa pregunta, lembra que os topónimos galegos teñen, segundo a normativa, unha única forma "legal para todos os efectos", que é a galega (no caso destes buques sería 'A Graña', 'Arousa' e 'Río Xallas'). Por iso, pregunta ao Goberno se vai "corrixir" estes nomes. Tamén insta o Executivo estatal a revisar e corrixir "todos os documentos e sinalización que conteñan os topónimos distorsionados para que aparezan unicamente os nomes oficiais en galego".

RESPOSTA DO GOBERNO

Ante a pregunta do BNG, o Goberno central non fai na súa resposta ningunha referencia a que vaia a dar algún paso para cambiar estes nomes das embarcacións en cuestión. En concreto, sinala que a toponimia é "unha competencia autonómica" e asume o precepto da Lei de Normalización Lingüística, que recolle que "todos os topónimos terán como única forma oficial a galega".

Remarca, ao tempo, que o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática participa "regularmente" nas tarefas vinculadas ao seguimento da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa e "reúne periodicamente" ao Consello das Linguas Oficiais. Tamén indica, sobre a toponimia, que o Ministerio recolle unhas ligazóns destinadas "a facilitar o coñecemento e emprego das denominacións oficiais das localidades e territorios por parte da Administración pública e os particulares na súa páxina web.

A continuación, cita o decreto que regula o abanderamiento, matriculación de buques e rexistros marítimos e incide en que nos requisitos para a aprobación do nomeamento dunha embarcación, "que se adecuan ás normas internacionais, non se fai referencia a que o nome elixido deba cumprir as regras da toponimia de idiomas cooficiais" nas comunidades.

"MÁSCARA DE PANTALLA. GINZO DE LIMIA. ORENSE" EN LOTARÍA

O BNG tamén pedira explicacións ao Goberno por un décimo de Lotaría no que aludía a un elemento icónico do entroido ourensán e aparecía unha imaxe bautizada como 'Máscara de Pantalla. Ginzo de Limia. Ourense'. O Goberno indica que se seguiu "o protocolo establecido en todos os supostos en que hai unha obra de autor" e respectouse " a denominación do titular dos dereitos da fotografía", tendo en conta que "non pode alterar a denominación ou o contido de calquera obra, limitándose a reproducila tal e como o titular dos dereitos sobre esta a denomina".

Billete de Lotería Nacional onde se deturpa o topónimo de Xinzo polo de Ginzo
Billete de Lotería Nacional onde se deturpa o topónimo de Xinzo polo de Ginzo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta