O Supremo non ve acreditado que o "televisivo" Vázquez Taín desempeñara actividades para a súa sociedade privada

Anula a sanción ao xuíz pola incompatibilidade do seu cargo co seu traballo nunha produtora.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2025 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A Sección Sexta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo (TS) anulou a sanción de dez días de suspensión de funcións imposta polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) ao maxistrado José Antonio Vázquez Taín por considerar que o seu cargo era incompatible co seu traballo nunha produtora.

En concreto, nunha sentenza con data do 19 de maio e da que informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o Supremo estima o recurso do xuíz contra o acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, de 29 de febreiro de 2024, que confirmou a sanción de 10 días de suspensión de funcións que lle impuxo a Comisión Disciplinaria por incorrer en incompatibilidade co seu cargo ao posuír o 50 por cento das participacións sociais da empresa Amarola Producións, S.L.

Deste xeito, a Sala anula a citada sanción imposta a Vázquez Taín por unha falta moi grave do artigo 417.8 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que considera incompatible co cargo de xuíz ou maxistrado o exercicio de toda actividade mercantil, por si ou por outro. A sentenza considera que non se acreditou, "nin sequera de maneira indiciaria, pero suficientemente xustificada e razoada, que máis aló da titularidade do 50 por cento das participacións sociais da sociedade de responsabilidade limitada por parte do actor, o mesmo desempeñase de maneira real e efectiva o exercicio da actividade mercantil".

"Nin ostentaba a administración da sociedade, nin subscribía os contratos da sociedade con terceiros, nin se achegaron argumentos sólidos que puxesen de manifesto unha administración de feito da sociedade por parte do Sr. Vázquez Taín", indica o fallo xudicial.

Así mesmo, engade que "nin o obxecto social da mercantil da cal resultaba titular de participacións sociais o actor, nin a índole das actividades levadas a cabo pola mesma puxeron de manifesto que se trate de circunstancias reveladoras dunha eventual afectación á función xurisdicional levada a cabo polo maxistrado, nin no que poida afectar á súa independencia, nin tampouco ao seu estrito desempeño, conclusión que avala o propio órgano gubernativo, ao sinalar na actuación administrativa, "a nula incidencia da infracción na actividade xudicial".

O xuíz José Antonio Vázquez Taín comparece en relación ao expediente disciplinario aberto polo CGPJ
O xuíz José Antonio Vázquez Taín comparece en relación ao expediente disciplinario aberto polo CGPJ | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta