Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2025 | Actualizada ás 14:19
O Goberno galego aprobou este luns a activación das desgravacións fiscais para a compra de libros de texto e material escolar a partir do próximo ano. Estima que as familias de 60.000 alumnos galegos poderán deducir un 15 por cento do importe, ata un máximo de 105 euros por fillo. Trátase dunha medida anunciada o pasado mes de abril polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Debate sobre o Estado da Autonomía.
Estes beneficios fiscais están destinados a familias con rendas per cápita situadas entre os 10.000 e os 30.000 euros, posto que as que teñen inferiores ingresos poden acceder a outras liñas de axudas, como o fondo de libros e o cheque para material escolar. Destas benefícianse uns 160.000 estudantes cada ano. O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen compareceu xunto con Rueda tras a reunión do Consello da Xunta, recomendou ás familias "garden os tíckets" das compras, que deberán realizarse entre o 1 de xullo e o 31 de decembro.
Esta medida, que suporá que a Administración autonómica deixará de ingresar 6,3 millóns de euros, incorporarase na lei de medidas fiscais que acompañará aos orzamentos de 2026. Terá efectos na declaración da renda de 2025, é dicir, a que se fará o próximo ano. Non en balde, o conselleiro de Educación reivindicou que esta axuda para familias de entre 10.000 e 30.000 euros per cápita súmase ás xa vixentes para a de menos renda, que ademais nos últimos cursos experimentaron aumentos. Por exemplo, os cheques de material subiron o máximo a 75 euros.
O prazo para solicitar o acceso ao fondo de libros e á compra de material está aberto ata o próximo 20 de xuño. No curso actual, hai uns 163.000 estudantes beneficiarios das axudas a libros, dos cales uns 126.000 tamén accederon a vales de material.
RENOVACIÓN CONSELLO ESCOLAR
Por outra banda, o Goberno galego deu o visto e prace este luns á renovación de sete membros do Consello Escolar de Galicia, que pertencen a distintos tipos de organizacións. Por parte da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cesan os exalcaldes de Quiroga e Paderne, Xullo Álvarez Núñez (PP) e César Longo Queijo (PSOE), así como o concelleiro no Carballiño Diego Fernández Nogueira (PSOE). No seu lugar entran tres alcaldes do PP: Ovidio Rodeiro Tato (Boqueixón), César Fernández Gil (Ribadavia) e Pilar Ramallo (Marín). En canto á Confederación Galega de Anpas, Patricia Pérez Marín será substituída por Mario Fernández Fernández; mentres que da Confederación Galega de Apas de Centros Públicos cesa María Dolores Blanco Sanguiñedo e entra María José Ferreño Precedo. Por parte do sindicato CC.OO., José Manuel Fontes Fariña e María Luz López Pérez serán substituídos por Noelia Sánchez Vaamonde e Borja Campos Seijo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.