Ourense tamén afonda nas relacións comerciais e culturais con China

A Deputación de Ourense avanza no irmandamento coa provincia chinesa de Qinghai.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 26/05/2025 | Actualizada ás 21:47

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense e a provincia chinesa de Qinghai deron este luns un novo paso no fortalecemento das súas relacións institucionais e comerciais, nunha reunión celebrada no Pazo Provincial. O encontro consolida a vontade mutua de avanzar cara a un futuro irmandamento entre ambos os territorios.

O presidente da Deputación, Luís Menor, destacou que esta relación é "de máximo interese" para o goberno provincial polo seu obxectivo de "axudar ás empresas ourensás no seu proceso de internacionalización e exportación". Neste sentido, subliñou que "o mercado chinés é fundamental", tanto en materia de importación como de exportación.

A delegación chinesa estivo encabezada polo representante do goberno de Qinghai, Mr. Ban Guo, quen puxo en valor a riqueza de Ourense "en cultura, historia e modo de vida", así como a calidade dos seus produtos e a amabilidade da xente. Ademais, ratificou o interese da súa provincia por formalizar un irmandamento coa provincia galega.

No encontro han participao tamén o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González; así como representantes da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), entre eles o secretario xeral, Jaime Pereira, e a responsable de Promoción Exterior e Internacionalización, María Fernández. Por parte de Qinghai, a delegación incluíu perfís do ámbito social, económico e empresarial.

UN VÍNCULO QUE SE CONSOLIDA

A relación entre Ourense e Qinghai comezou en xuño do ano pasado durante un evento organizado pola provincia chinesa no Centro Cultural de China en Madrid, ao que foi convidada a Deputación de Ourense polo seu papel activo no fortalecemento dos lazos co país asiático.

Posteriormente, en novembro de 2023, unha delegación institucional de Qinghai visitou o Pazo Provincial, un xesto que sentou as bases para a firma dunha carta de entendemento entre ambas as provincias. Nela abríase a porta a posibles colaboracións en ámbitos como o turismo, a enerxía ou a xestión de recursos naturais.

A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coa proxección exterior da provincia e a apertura de novas oportunidades comerciais e culturais, en liña coa súa estratexia de apoio á internacionalización do tecido empresarial local.

O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, reúnese cunha delegación chinesa encabezada polo representante do goberno de Qinghai, Mr. Ban Guo
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, reúnese cunha delegación chinesa encabezada polo representante do goberno de Qinghai, Mr. Ban Guo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta