Temas: EUSKATEL R

Euskaltel destitúe ao seu director xeral, Fernando Ojeda

A operadora vasca, que se fixo con R, nomea a Francisco Arteche como novo conselleiro delegado do grupo.

Por Galicia Confidencial | Bilbo | 24/05/2016 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O consello de administración de Euskaltel -que comprou a galega R Cable- acordou destituír ao seu director xeral, Fernando Ojeda, e propoñer a Francisco Arteche como novo conselleiro delegado do grupo.

Alberto García Erauzkin, Fernando Ojeda e Manuel Salaverría nunha imaxe da compañía R
Alberto García Erauzkin, Fernando Ojeda e Manuel Salaverría nunha imaxe da compañía R

Na súa reunión celebrada este martes, o consello decidiu que Arteche é o profesional "máis axeitado" para liderar Euskaltel, "con garantías ante os novos retos da economía dixital que marcará a evolución do futuro do sector e a transformación de operador de telecomunicacións a operador de servizos dixitais e tractor da economía dixital", segundo explicou o operador vasco nun posterior comunicado.

O Consello de Administración acordou, por unanimidade, a extinción da relación contractual conFernando Ojeda, "cun recoñecemento expreso polo seu traballo" na empresa durante os últimos tres anos. Tamén propuxo á xunta xeral de accionistas a incorporación de dous novos conselleiros, Elisabetta Castiglioni e Miguel Ángel Lujua, que substituirán a Bridget Cosgrave e Richard David Alden, que presentaron a súa renuncia voluntaria ao cargo.

Arteche, que procede de Microsoft, conta cunha dilatada experiencia profesional de 20 anos como directivo de compañías multinacionais tecnolóxicas. Euskaltel destaca a súa "visión estratéxica na evolución do consumo no mercado das novas tecnoloxías, a súa capacidade de liderado, e o seu estilo de xestión de equipos, baseado no desenvolvemento profesional das persoas".

O novo conselleiro delegado é donostiarra e ten 51 anos. Está licenciado en Enxeñaría Industrial pola Universidade de Navarra en San Sebastián e MBA pola IESE Business School de Barcelona.

Pola súa banda, Elisabetta Castiglioni conta con "experiencia e coñecemento do sector das telecomunicacións e as tecnoloxías".  Foi directora Executiva Global Media, Solucións IT e Servizos en Siemens, directora de Estratexia e Acceso e de Mercadotecnia de Produtos de Internet en Europa, Oriente Medio e África, en MCI Worldcom. Durante os últimos cinco anos foi conselleiro de Telekom Austria.

Miguel Ángel Lujua, "experto na xestión das persoas" e que substituirá a Richard David Alden, foi presidente de Confebask, membro do comité Ejecutivo e da Xunta Directiva da CEOE e vicepresidente de Innobasque. Actualmente é conselleiro director Xeneral do Grupo IMQ.

Temas: EUSKATEL R
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Teremos algún día unha operadora realmente BARATA e con bo servicio que enterre para sempre á fibra optica de Telefónica... ? Ou só teremos as rúas ateigadas das tapas de R sen máis servizo que pagarlle os dividendos a toda esta tropa ???