Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/05/2016 | Actualizada ás 09:00
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, iniciará mañá xoves a súa segunda visita institucional a Cuba coa prioridade, segundo a Xunta, de "reforzar as comunidades galegas no exterior e trasladar ao pobo cubano que Galicia quere formar parte do proceso de actualización económica que está a vivir o país, como xa lle trasladou na súa anterior visita en 2013".
O Goberno asegura que "o principal motivo da viaxe do titular da Xunta " é a celebración do undécimo plenario do Consello das Comunidades galegas, que se desenvolverá os días 27 e 28 de maio no histórico palacio do Centro Galego da Habana.
Aló foi onde se interpretou por vez primeira o himno galego e onde fai apenas unhas semanas o presidente dos Estados Unidos de América, Barack Obama, pronunciou un discurso histórico para o devir da illa, onde viven 40.000 galegos.
Con todo, a viaxe chega en plena precampaña electoral para os comicios xerais. A perda de apoios entre a emigración tras a instauración do voto rogado é un dos desafios para os conservadores tanto neses comicios como nas galegas do outono.
Cuba tamén ofrece novas oportunidades de negocio debido a mellora das relacións cos Estados Unidos. No eido económico a misión da Xunta reunirase co vicepresidente do Consello de Ministros e cos responsables de Comercio Exterior, Relacións Exteriores e Cultura; e participará, ademais, no Foro económico Cuba-Galicia
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.