Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2025 | Actualizada ás 13:26
Un convenio colaborativo podería chegar a materializarse se un número considerable de concellos se suman á implantación da taxa turística. Así o sinalou Sonia Lafont Sendino durante un acto na sede compostelá da Axencia Tributaria, coincidindo co inicio do servizo presencial de confección de declaracións da renda. Destacou que "evidentemente, cando sexan ou cando fosen moitos concellos os que aplicasen o imposto, podería falarse dun convenio de colaboración con eles".
"Pero, loxicamente, agora mesmo só hai dous concellos que van implantar a recarga ao imposto galego sobre as estancias turísticas, ou que anunciaron que van implantala, e por cuestións de eficiencia non tería moito sentido facer unha colaboración cun só concello", matizou.
En todo caso, engadiu que a Axencia Tributaria de Galicia "sempre" está disposta "a calquera colaboración, porque loxicamente a administración tributaria galega está preparada para iso". E ás cuestións sobre que número de municipios deberían implementar esa taxa para dar pé a esa colaboración, respondeu que "cando fose unha cuestión dun servizo máis amplo e que puidesen beneficiarse todos os cidadáns galegos". "Nós estamos a un ámbito autonómico, non a un ámbito local", concluíu.
O goberno municipal de Santiago, liderado por Goretti Sanmartín (BNG), foi o primeiro en impulsar o establecemento desta taxa e expuxo nun principio que fosen os funcionarios da Axencia Tributaria de Galicia os que levasen a cabo a recadación, algo que rexeitou a Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.