Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2025 | Actualizada ás 10:14
O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 3.904 persoas en Galicia en maio en relación ao mes anterior (-3,38%), ata un total de 111.641 desempregados, segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social este martes.
Esta diminución do desemprego é a segunda maior entre comunidades de forma relativa, só por detrás de Baleares (-4,76%). O dato galego supón un punto porcentual máis de caída que a media española (-2,3%). Na comparativa con maio de 2024, o recorte é de 10.395 desempregados na comunidade galega, un 8,5% menos, case tres puntos máis de descenso que o 5,8% de España.
O desemprego en España descendeu en 57.835 persoas en maio en relación co mes anterior (-2,3%) debido, sobre todo, ao sector servizos, que concentrou tres cuartas parte da baixada. Tras a caída de maio, o número total de desempregados situouse en 2.454.883 persoas, baixando da cota dos 2,5 millóns por primeira vez desde xullo de 2008.
O PARO CAE EN TODOS OS SECTORES
Todos os sectores rexistran unha diminución do desemprego na comunidade. Servizos encabeza o descenso en termos absolutos (2.824 menos), seguido de industria (334 menos), construción (278 menos) e agricultura (139). Tamén caeu no colectivo sen emprego anterior (329 parados menos).
Entre estranxeiros, Galicia conta con 10.351 parados, que son 527 menos en variación mensual (un descenso do 4,8%) e catro menos en evolución anual (-0,04%).
Os demandantes de emprego ascenden a 185.534, deles 35.014 ocupados, 27.801 que indican na súa solicitude condicións especiais de traballo e 122.719 non ocupados (3.935 menos que o mes anterior e 10.632 menos que un ano atrás).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.