Por Galicia Confidencial | Silleda | 03/06/2025 | Actualizada ás 20:40
O macro recinto expositivo de Silleda está preparado xa para acoller a 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, evento económico que se celebrará do 5 ao 8 de xuño nunha edición que se presenta como a máis internacional dos últimos vinte anos.
Así, no Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; e o seu Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia cóntase con que haxa sesenta e nove expositores directos estranxeiros participantes, case o dobre que o ano pasado. Haberá máis dunha trintena de entidades portugueses ás que se sumarán numerosas empresas e destinos de Italia, Cuba, Colombia, México, Ecuador e Estados Unidos.
A estes expositores internacionais directos sumaranse os indirectos, de 27 países, e tamén os máis de corenta operadores turísticos e compradores alimentarios estranxeiros que participarán na Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia e os Encontros de Compradores de Salimat Abanca, procedentes de Alemaña, Austria, Bulgaria, Canadá, Costa Rica, Dinamarca, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Indonesia, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Serbia, Suecia e Suíza.
Con este salto internacional e o aumento da presencia iberoamericana, dende a organización consideran que se está a dar un paso moi importante para ser "non só un escaparate de Galicia para o mundo, senón tamén do mundo para Galicia".
PRESENZA DE INVESTIDORES MEXICANOS
Na 28ª Salimat Abanca terá gran importancia a presenza expositiva dunha misión comercial mexicana que incluirá preto dunha vintena de destacadas empresas deste país e tamén de Colombia, organizada polo mexicano Seth Pérez e o pontevedrés Edelmiro Xusto.
Incluirá unha variada mostra de produtos gastronómicos que irán dende café, mezcal, refrescos, tés e zumes ata salsas artesanais, mel en panal, totopos, froitos secos ou snacks, ademais de servizos de internacionalización e investidores, permitindo coñecer de primeira man marcas, produtos e servizos iberoamericanos, especialmente de México e Colombia, que buscan abrir mercado en Europa, ademais de identificar posibles socios comerciais, xerar sinerxías e intercambiar ideas.
60 FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO GALEGAS EN FESTUR 2025
A XI Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2025, celebrarase do 5 ao 8 de xuño conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 47ª Abanca Semana Verde de Galicia. Unha cita que conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia e que nesta edición reúne a 60 festas de interese turístico das catro provincias galegas, a maior cifra dende a posta en marcha deste certame, no ano 2014.
Así, están presentes a Festa do Pemento da Arnoia; Virxe da Franqueira, da Cañiza; Festa da Troita da Pontenova; Romaría de San Ramón de Bealo, de Boiro; Festa da Filloa de Lestedo e Alto dos Xenerais do Ulla, de Boqueixón; Romaría Viquinga de Catoira; Folión de Carros de Chantada; Semana Santa e As Pebida de Ferrol; Festa da Castaña e Filandón de Músicas de Folgoso do Courel; Feira do Cocido, de Lalín; O Naufraxio, de Laxe; Mostra de Olería de Buño e Romaría de Santo Hadrián, de Malpica de Bergantiños; Entroido de Manzaneda; As San Lucas, Semana Santa e Mercado Medieval, de Mondoñedo; Xuntanza Internacional de Gaiteiros, de Monterrei; Feira de Santos de Monterroso; Gran Premio de Carrilanas de Esteiro, de Muros; e Romaría da Nosa Señora da Barca de Muxía.
Ademais das anteriores, terán presenza a Festa da Troita de Oroso; Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; Festa do Pemento de Herbón e A Pascua, de Padrón; Mostra do Aceite de Quiroga; Romaría da Saínza de Rairiz de Veiga; Festa da Istoria e Feira-Exposición de Exaltación do Viño da Zona do Ribeiro, de Ribadavia; Festa da Dorna de Ribeira; Festa do Polbo de Ribeiro-O Carballiño: Sardiñada de Sada; Festa do Viño de Amandi, de Sober; Queima das Fachas de Taboada; Alto dos Xenerais do Ulla de Teo e Vedra; Festas Patronais de San Telmo, de Tui; Semana Santa, Romaría do Naseiro e Rapa das Bestas, de Viveiro; Galo de Curral, de Vila de Cruces; e San Roque e Festa da Ameixa de Carril, de Vilagarcía de Arousa.
ACTIVIDADES PARALELAS
En Festur realizarán exhibicións as palilleiras da Mostra do Encaixe de Camariñas e os Xenerais do Ulla de Bandeira (Silleda) e de Fao e Bama (Touro), mentres que O Corpus de Ponteareas elaborará unha das súas alfombras.
Tamén haberá obradoiros gastronómicos: showcooking “Festa do Queixo de Arzúa”, a cargo do chef Diego Mato Castro e Efa Piñeiral, e degustación dos produtos protagonistas de diferentes festas gastronómicas: a do Xamón da Cañiza, Pataca de Coristanco, Carneiro ao Espeto de Moraña, Pan de Cea de San Cristovo de Cea, Empanada de Bandeira e a Tortilla de Laro, de Silleda, Asalto ao Castelo e Faguía do Carnés, de Vimianzo; Pescada do Pincho de Celeiro, de Viveiro, e Bonito de Burela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.