Pesca e marisqueo ilegal: de vieiras con toxinas a angulas con destino a Asia e ameixas furtivas

A pesca e o marisqueo ilegais agochan redes organizadas, documentos falsificados e especies ameazadas, poñendo en perigo a biodiversidade, a saúde pública e a economía mariñeira.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No mar, como na terra, tamén hai fronteiras que non sempre se respectan. As aguas que bañan Galicia, ricas en recursos mariños e en tradición pesqueira, levan anos sufrindo unha presión silenciosa pero constante. Mentres o sector legal tenta adaptarse ás cotas, ás vedas e ás esixencias de trazabilidade, outros aproveitan as fendas do sistema para explotar o mar sen control nin responsabilidade. O marisqueo ilegal e a pesca furtiva non son só infraccións normativas: son prácticas que minan o futuro dos ecosistemas mariños, poñen en risco a saúde pública e deterioran a confianza nun sector clave para a economía e a cultura do país. Trátase dunha actividade que adoita pasar desapercibida, pero que move cifras elevadas, implica redes organizadas e, en moitos casos, falsificacións de documentos, branqueo de produto e exportación a mercados internacionais.

Produtos inacuatados nos operativos contra o furtivismo
Produtos inacuatados nos operativos contra o furtivismo | Fonte: XUNTA - Arquivo

Dende as angulas capturadas en ríos galegos e enviadas a Asia, ata as vieiras extraídas en zonas contaminadas, pasando polos percebes recollidos fóra de tempada ou a caballa oculta en bodegas ilegais, os exemplos acumúlanse. E con cada exemplar furtado pérdese unha parte do equilibrio mariño, do traballo honesto e do respecto polo que o mar nos dá. Nun tempo no que se fala de sustentabilidade, economía circular e preservación ambiental, o mar segue sendo escenario de conflitos invisibles, onde uns poucos, por cobiza ou costume, seguen acutando á marxe. Porque o furtivismo non é só unha cuestión de legalidade: é unha cuestión de futuro compartido. Así o advertiu a axente do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil Elena Moya durante a súa intervención nas xornadas Nature FIRST, celebradas a pasada semana en Lugo, nas que detallou os principais delitos contra os recursos mariños e os casos detectados en Galicia nos últimos anos.

PESCA DE ESPECIES VEDADAS E SOBREEXPLOTACIÓN: DE PERCEBES A AMEIXAS

Na pesca, entre os delitos máis comúns atópase a captura de especies vedadas ou fóra de tempada e a sobreexplotación de certas especies. Algo que, como advertiu a axente Moya, non supón só un problema pola súa ilegalidade e vulneración da normativa, senón porque provoca danos directos no medio natural. "Os biólogos das confrarías repórtannos que cando unha especie como o percebe é recolleita en momentos inaxeitados, provócase un deterioro nas rochas, e iso afecta negativamente á rexeneración natural da especie e á produción futura", explicou. A extracción incontrolada, ademais, rompe os ciclos de descanso biolóxico e perxudica aos mariscadores legais, que dependen dunha xestión sustentable para garantir a continuidade da súa actividade. Este tipo de prácticas furtivas tamén contribúen á entrada de produto sen trazabilidade no mercado, algo que preocupa tanto polos seus efectos económicos como pola seguridade alimentaria. Algúns dos casos máis recentes:

  • Incautación de 55 quilos de lubrigante na costa de Lugo: o pasado mes de maio a Garda Civil interceptou unha furgoneta na autovía A-8, á altura de Mondoñedo, que transportaba 55 quilos de lubrigante capturados ilegalmente en augas da Mariña lucense. O marisco, que se atopaba en período de veda, foi decomisado e devolto ao mar. A embarcación implicada tiña o seu porto base en Laxe e sospéitase que estivera faenando sen autorización na zona norte de Lugo.
  • Incautación de 48 quilos de percebes en Xove: en decembro de 2024 a Garda Civil interveu 48 quilos de percebes extraídos ilegalmente na costa de Xove. Tres pescadores furtivos, veciños de Cedeira, foron sorprendidos nas inmediacións dos illotes dos Netos e o faro da Roncadoira. Os implicados están sendo investigados agora por un delito contra a flora e a fauna. Os percebes, ante a imposibilidade de ser devoltos ao medio, foron entregados a un centro benéfico, que é o procedemento habitual nestes casos.
  • Operación King, trama internacional de ameixa furtiva: en abril de 2024, as autoridades portuguesas e españolas desmantelaron unha rede internacional adicada á extracción e comercialización ilegal de ameixa xapónica. A rede operaba principalmente nas rexións de Lisboa e Setúbal, onde empregaba numerosos inmigrantes, moitos deles en situación irregular, para recoller ameixa na desembocadura do río Tajo. Posteriormente, o marisco era transportado a Galicia, onde se intentaba introducir no mercado a través de viveiros e depuradoras, empregando documentación falsificada para simular unha procedencia legal. Estímase que a organización introducía boa parte do bivalvo ilegal na nosa terra, con destino final a distintos clientes do territorio nacional e mesmo a Italia. No marco da operación, incautáronse case 12 toneladas de ameixa xapónica e detívose aos dous presuntos líderes da banda, así como a outros 7 implicados que están a ser investigados.
  • Incautación de máis de 6.000 quilos de cabala non declarada en Burela: en abril de 2020 a Garda Civil interceptou no porto de Burela un pesqueiro que transportaba 6.138 quilos de cabala non declarada, ocultos nunha bodega que nin sequera figuraba nos planos oficiais do buque. A inspección foi realizada por axentes do Seprona, quen, tras detectar irregularidades na descarga, descubriron a bodega oculta e a cantidade de peixe non declarado. "Tiñan unha cota de 15.000 quilos e viñan con 21.000", relatou Moya.

PRODUTOS EN ALZA É SINÓNIMO DE MAIOR SOBREEXPLOTACIÓN: OURIZO E VIEIRA

Percebe incautado en operación contra o furtivismo
Percebe incautado en operación contra o furtivismo | Fonte: Arquivo

A axente fixo fincapé en como a revalorización dun produto no mercado --como está ocorrendo co ourizo de mar ou coas vieiras-- provoca un efecto chamada: "Cando un produto se pon de moda, aumenta a súa extracción ilegal". Estas especies, subliñou, "son extraídas de zonas prohibidas pola presenza de toxinas perigosas para o consumo humano, polo que levamos mostras e analizamos os niveis de toxicidade, porque pode haber risco penal". E mencionou varias actuacións recentes en portos da Coruña, sen documentación nin control sanitario:

  • Incautación de ourizo de mar sen trazabilidade na Coruña: en xaneiro deste mesmo ano a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia decomisou 38 quilos de ourizo de mar e 20 quilos de percebe na zona do Portiño, na Coruña. Durante o operativo, identificouse a 9 persoas, todas con antecedentes por marisqueo ilegal. Ademais do marisco, incautouse diverso material empregado para o furtivismo. O marisco foi entregado a un comedor social, e tramitáronse 9 actas de sanción conforme á Lei de Pesca de Galicia.
  • Incautación de máis de 60 quilos de ourizo de mar na Coruña: en abril de 2023 o Seprona de Arteixo, xunto co Servizo de Gardacostas da Xunta, incautaron 62,16 quilos de ourizo de mar no porto da Coruña. A incautación produciuse durante un control no acceso principal do porto, onde se inspeccionou un vehículo isotérmico que transportaba marisco sen a documentación de identificación, trazabilidade ou transporte requirida.
  • Extracción ilegal de vieiras en zonas con toxinas: en marzo de 2024 a Garda Civil de Pontedeume, en colaboración co Servizo de Gardacostas da Xunta, incautou 167 quilos de vieira en Mugardos. Durante unha vixilancia, os axentes observaron como un buzo extraía ilegalmente vieiras na zona do Baño. As vieiras foron sementadas novamente no seu hábitat natural e procedeuse á confección das correspondentes actas-denuncia por infraccións moi graves da Lei de Pesca de Galicia.

O MILLONARIO NEGOCIO DA COBIZADA ANGULA GALEGA CON DESTINO A ASIA

Unha das prácticas máis lucrativas, en auxe e mediáticas dos últimos anos é o tráfico ilegal de angula, unha especie ameazada que se cativa en ríos galegos e que remata, a través de redes organizadas, nos mercados asiáticos. "Aquí comeza a cadea, polo que localizamos puntos de captura ilegal e, a partir de aí, investigamos como entra no circuíto internacional", explicou Moya. A venda de angula en Asia pode alcanzar prezos astronómicos, o que a converte nun produto moi atractivo para redes criminais. Tamén advertiu das dificultades lexislativas: "A normativa sobre a angula cambia segundo a comunidade autónoma ou o país, e esa falta de harmonización complica a persecución dos delitos". E é que, como asegura, "os delincuentes cada vez coñecen mellor a lexislación e empregan todos os subterfuxios posibles para darlle visos de legalidade aparente ao ilícito que están a cometer". Estes son dous dos casos máis soados:

  • Operación Olissipo: en maio de 2024 a Garda Civil, en colaboración coa Policía Marítima de Portugal, desarticulou unha organización criminal internacional adicada ao tráfico de angulas entre España e Portugal. A operación culminou coa detención de 21 persoas de diversas nacionalidades e a incautación de máis de 800 quilos de angulas vivas, valoradas en máis de 7 millóns de euros no mercado negro. As angulas eran transportadas en maletas acondicionadas con bolsas de osíxeno para garantir a súa supervivencia ata 42 horas, e empregábanse empresas pantalla para camuflar as exportacións cara Asia.
  • Desarticulación de rede de furtivos en Valdoviño: en marzo de 2024 a Garda Civil desarticulou en Valdoviño un grupo de furtivos adicados á captura ilegal de angulas. Durante o operativo, decomisáronse 7 'trueiros' artesanais, capachos e caixas de plástico modificadas para a captura de angulas, así como nasas e dispositivos fixos instalados na ribeira do río. Os infractores foron denunciados ante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña por presuntos delitos contra o medio ambiente.

Intervidos 131 quilos de ourizo nun control contra o furtivismo en Corcubión
Intervidos 131 quilos de ourizo nun control contra o furtivismo en Corcubión | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta