O Goberno cede, acepta a axenda do PP e agarda que os seus dirixentes vaian á Conferencia de Presidentes

Rueda amagou con non ir mentres que Pontón critica que sexa "un peón de Xénova".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2025 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O Goberno anunciou que incluirá na orde do día da Conferencia de Presidentes que se celebra este venres en Barcelona todos os temas que as comunidades do PP piden abordar e que recolleron nunha carta enviada este luns ao Executivo de Pedro Sánchez. Así o detallou a portavoz do Goberno, Pilar Alegría, na rolda de prensa do Consello de Ministros, na que remarcado a intención do Goberno de acceder á proposta dos territorios gobernados polo PP e modificar a orde do día do foro, que prevía falar de vivenda e universidades públicas con Formación Profesional.

En concreto, os presidentes do PP solicitaran incluír oito puntos na orde do día da Conferencia de Presidentes: a reforma do financiamento autonómico; loita contra a ocupación; un plan enerxético para evitar apagamentos; control de fronteiras e política migratoria; investimentos para evitar o caos ferroviario; o déficit de profesionais sanitarios; o financiamento do primeiro ciclo de educación infantil e a retirada dos proxectos de lei de reforma do Poder Xudicial e da Fiscalía.

Nas últimas datas, os 'populares' abriran a porta a un posible plantón ao Goberno na Conferencia de Presidentes se non aceptaban os temas que solicitaban, aínda que finalmente Moncloa aceptou incluír "todos" estes asuntos: "Ata a última coma, na súa absoluta literalidade".

Rueda diríxese ao Consello da Xunta / DAVID CABEZÓN  / Europa Press
Rueda diríxese ao Consello da Xunta / DAVID CABEZÓN / Europa Press

AVISO DE RUEDA

Previamente, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evitaba confirmar este martes se acudirá á Conferencia de Presidentes convocada en Barcelona para o vindeiro venres, á vez que insistiu en que, de acordo coa normativa que regula estas citas, o Goberno debería sumar asuntos que demandan as comunidades á orde do día. "Se se constata que o Goberno incumpre a lei, entón veremos o que facemos", reflexionou o xefe do Executivo autonómico. Engadiu que lle resulta difícil pensar, a tan só tres días, que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez non vaia a aceptar incorporar outros temas máis aló de FP e vivenda.

Por iso, afirmou que, a priori, o seu obxectivo é ir "cos deberes feitos" a explicar os pasos que está a dar a comunidade e a abordar os asuntos de interese para os galegos e as necesidades do territorio. "Galicia irá con toda a vontade de falar daqueles temas que expón o Goberno, que me parecen moi importantes, e tamén os temas que lle parecen importantes a Galicia", esgrimiu Rueda, antes de insistir en que espera que o Executivo central dea "marcha atrás" e decida incorporar máis temas. "Estar a dar por suposto que o Goberno vai cumplir a lei, cústame moito. Espero que non e que podamos falar de todos os temas. E para que sexa efectiva, insisto, habería que cambiar o formato porque non ten sentido que cada presidente autonómico faga un monólogo que non ten resposta", recalcou.

PONTÓN PIDE QUE ACLARE SE ACUDIRÁ COMO "PEÓN DE XÉNOVA"

Ante esta noticia, os grupos da oposición reclamaron ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare se vai asistir ou non á Conferencia de Presidentes, mentres que o PPdeG defendeu que o titular do Goberno galego decidirá "pensando no exclusivo interese de Galicia" e pediu que o encontro sexa "útil". Así o demandaron tanto BNG como PSdeG despois de que este mesmo martes, nun acto en Santiago, Rueda evitase confirmar a súa asistencia, aínda que mostrou a súa vontade de acudir "cos deberes feitos", pero apuntando que o Goberno debería sumar á orde día asuntos que demandan as comunidades á orde do día: "Se o Goberno incumpre a lei, veremos o que facemos".

Neste contexto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios en Bergondo, instou a Rueda a aclarar se acudirá a esta Conferencia "como presidente de Galicia ou como mero peón da estratexia de crispación e confrontación que lle marca o PP desde a rúa Xénova". Para Pontón, hai "moitos asuntos importantes para Galicia en xogo", entre os que mercionou a quita da débeda, o modelo de financiamiento ou a mellora das infraestruturas. 

De igual modo, a preguntas dos medios tras a xunta de portavoces no Parlamento galego, a viceportavoz nacionalista Olalla Rodil asegurou que "Rueda non aclara" porque "a decisión non a toma" el, senón "a dirección do PP na rúa Xénova, 13". Nesta liña, pediu ao presidente da Xunta que "defenda os intereses dos galegos" e que "non se pregue aos intereses partidistas que lle mandan os seus xefes de filas en Madrid". "Xogámonos moito", reivindicou Rodil.

O PSDEG PIDE "RESPONSABILIDADE" PORQUE SE NON VAI "A AUSENTE É GALICIA"

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG Elena Espinosa acusou aos populares de "boicotear" a Conferencia prevista en Barcelona e lamentou que "van seguir facendo ruído en lugar de buscar solucións". Sobre a asistencia de Rueda á reunión, Espinosa manifestou que o descoñecen e asegurou que se o responsable autonómico non acode "quen está ausente é Galicia" que, engadiu, quedará "absolutamente fóra de acordos que son moi importantes para todos os galegos e galegas". "El ten a responsabilidade de asistir e dixo moitísimas veces que había moi poucas conferencias de presidentes. Tamén lle poderiamos preguntar para que as quere se despois non vai asistir", cuestionou.

O PPDEG DEMANDA QUE A CONFERENCIA DE PRESIDENTES SEXA "ÚTIL"

Doutra banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, defendeu que Rueda tomará a decisión "pensando no exclusivo interese de Galicia" e mostrouse sorprendido de que os nacionalistas mencionasen "a necesidade de ir defender os intereses de Galicia en materias tan importantes como un novo sistema de financiamiento". "Descoñece que esa é unha das esixencias de Rueda para que se aborde nesa Conferencia e que o presidente Sánchez négase a incluír, igual que outras solicitudes realizadas por Galicia e outras comunidades", reprochou.

Ademais, cuestionou se a Conferencia será "un foro de debate" entre as institucións de goberno ou "unha especie de tramoia para que Pedro Sánchez" poida dar "un soliloquio" que, apuntou, xa están "un tanto fartos de escoitar". "Queremos que sexa útil, que aborde problemas reais e sirva para solucionar os problemas que nos preocupan", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta