Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2025 | Actualizada ás 14:00
O Parlamento de Galicia acollerá a próxima semana a primeira votación para a elección da nova directora da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) -- ata agora CRTVG --, Concepción Pombo, nun pleno no que tamén comparecerá, a petición propia, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para informar da situación do transporte en Galicia.
En todo caso, nesta primeira votación non está previsto que se alcance o apoio dos dous terzos da Cámara (50 votos), polo que o nomeamento da persoa que substituirá a Alfonso Sánchez Izquierdo terá que esperar, previsiblemente, outras dúas sesións plenarias, xa que na segunda votación necesítanse tres quintos (45 votos) e tanto PSdeG como BNG xa avanzaron que non apoiarán á candidata proposta polo PPdeG.
Así, segundo o calendario, cabe esperar que Concepción Pombo sexa nomeada directora xeral da CSAG no Pleno do 8 de xullo nunha terceira votación na que bastará coa maioría absoluta que ostentan os populares. Ademais desta primeira votación, o pleno da próxima semana contará tamén coa comparecencia, a petición propia, de Diego Calvo, que informará da situación do transporte en Galicia, especialmente do ferroviario e "os problemas existentes para a compra de billetes", así como "a redución de servizos e prazas", entre outros asuntos.
LEI AXUDAS PÚBLICAS A EMPRESAS
Así mesmo, na sesión plenaria, que se celebrará os días 10 e 11 de xuño, o Bloque presentará unha proposición de lei para promover, entre outras cousas, a permanencia de empresas en Galicia que reciban axudas públicas e garantir que estas axudas en materia industrial e empresarial "revertan social e economicamente" en Galicia. Tal e como detallou Rodil ante os medios despois da xunta de portavoces, esta proposición defende que as empresas que reciban axudas deban ter un compromiso de permanencia en Galicia e, no caso de deslocalizar a produción, teñan a obrigación de reintegrar todas as axudas obtidas a través de subvencións. "É un disparate financiar con diñeiro das galegos empresas que despois se van de Galicia. A xente deste país temos que protexer a capacidade produtiva de Galicia e beneficiarnos colectivamente dos recursos que temos", aseverou.
PREGUNTAS AO PRESIDENTE
Ademais, a líder do BNG, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre "o seu empeño en converter o galego nunha lingua de segunda", mentres que o portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrará a súa pregunta en materia de vivenda. Neste sentido, a socialista Elena Espinosa apuntou que as medidas da Xunta "non teñen unha eficacia real", criticando que se se suman os anos de goberno do PP á fronte da Administración autonómica alcánzanse "20 anos dun baleiro total e absoluto de políticas en materia de vivenda".
Sobre a pregunta dos nacionalistas, Rodil criticou que o PP "traballa en contra do propio país", lembrando "a negativa a que o galego sexa oficializado na Unión Europea". "Onde se viu un presidente da Xunta que rexeite o recoñecemento da lingua propia de Galicia en máis espazos políticos? Que presidente considera secundario e caro a garantía dos dereitos lingüísticos dos galegos?", reprochou. Tamén expuxo o acordo unánime na Cámara galega para defender a oficialidade do galego na Unión Europea, o que Rodil ve "un exemplo máis da falsidade do PP cando fala dun acordo pola lingua". O idioma tamén centrará unha proposición non de lei do BNG para reprobar "as artimañas" dos populares "en contra do galego".
OUTROS ASUNTOS OPOSICIÓN
Así mesmo, os socialistas levarán unha proposición non de lei sobre o Cluster de industria de defensa e outra sobre o peche de unidades postcovid. Tamén se debaterá unha moción levada polo PSdeG no anterior pleno sobre a política arancelaria de Trump e "a necesidade de pór en marcha axudas" para os sectores que se poidan ver afectados. Presentarán tamén unha interpelación sobre incendios forestais para coñecer "como vai ser esta campaña de incendios e a organización que ten prevista a Xunta". En materia de educación, preguntarán sobre o máster de matemáticas da USC.
Mentres, o BNG inclúe na orde do día unha proposición non de lei para ordenar, planificar e programar o desenvolvemento de extracción de minerais en Galicia para "declarar estratéxicos os recursos naturais de Galicia" e garantir o peche dos ciclos produtivos, así como promover a minaría urbana, a reciclaxe e a recuperación de materias primas críticas. Doutra banda, levarán unha interpelación para falar de violencia machista despois dos últimos casos en Verín e O Barco de Valdeorras, ademais da investigación do sucedido en Campo Lameiro.
PROPOSTAS PPDEG
Pola súa banda, o PPdeG exporá unha iniciativa para pedir ao Goberno que dote de fondos a coñecida como lei ELA e outra para que manteña o financiamiento do Plan Corresponsables. Ademais, realizará tres preguntas ao Goberno galego. A primeira, sobre a conferencia de presidentes prevista para o vindeiro venres, para facer unha valoración, "se é que chega a celebrarse", da "teimosía de Sánchez de vetar as propostas das comunidades", entre as que, apuntou Pazos Couñago, está "a abordaxe dun novo sistema de financiamento".
A segunda pregunta que exporán os populares está relacionada cos proxectos eólicos paralizados polo TSXG ao entender o PPdeG que resultan "sospeitosas" as relacións entre xuíces do alto tribunal galego "que están a protagonizar a maioría destas paralizacións coas asociacións ecoloxistas que se manifestan en contra". "A muller do César non só debe ser honesta, senón tamén debe parecelo. Son actuacións xudiciais que paralizan de maneira preocupante o desenvolvemento dun sector primordial, a diferenza do que ocorre noutras comunidades, polo que pedimos obxectividade", sostivo.
RECIBIMENTO EMBAIXADOR ISRAEL
Noutra orde de asuntos, Olalla Rodil confirmou que o BNG xa presentou unha queixa formal pola recepción no Parlamento ao encargado de negocios da Embaixada de Israel en España, Dan Poraz, a pasada semana. "É unha mostra de apoio que lle brindou o PP a un goberno genocida que está a cometer unha limpeza étnica contra o pobo palestino. Volvemos manifestar tanto na Mesa como na xunta de portavoces que non se pode tratar cunha falsa neutralidade o que é un xenocidio", censurou a viceportavoz do BNG.
Tras estas declaracións, o portavoz do PPdeG defendeu que non é o Parlamento nin a Xunta "a quen lle corresponde determinar cales son as relacións diplomáticas de España con Israel". "É unha obrigación institucional que hai que atender", reiterou Pazos Couñago, que aproveitou para criticar as "amizades internacionais" do BNG. "Non é precisamente o noso referente", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.