Verteduras aos ríos e cambios nos usos do solo: dos xurros contaminantes ao arrasamento de montes enteiros

Galicia enfróntase a unha vaga silenciosa de delitos ambientais que ameazan os seus ecosistemas máis valiosos. Verteduras contaminantes, cambios ilegais de uso do solo e prácticas especulativas avanzan sen freo, deixando tras de si ríos mortos, montes arrasados e biodiversidade ferida.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/06/2025 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

Hai delitos que non se ven a simple vista, pero que deixan cicatrices fondas na terra e na auga. Non sempre teñen autores recoñecidos nin motivacións evidentes, pero os seus efectos son devastadores e duradeiros. Galicia, terra de natureza viva e diversa, sabe ben o que supón sufrir a agresión constante dun fenómeno que, en moitos casos, ten nome e apelidos: as verteduras contaminantes. A través dun tubo oculto, dunha balsa rebordada ou dunha toma ilegal, os xurros e residuos industriais chegan a ríos, montes e regatos, provocando mortaldade de fauna, contaminación de acuíferos e degradación do solo. Trátase de delitos ambientais que moitas veces pasan desapercibidos ou quedan impunes, pero que van minando o capital natural común.

Encoro das Conchas
Encoro das Conchas | Fonte: Amigos da Terra - Arquivo

En moitos destes casos, a súa gravidade vén dada non só polo impacto ecolóxico, senón pola intencionalidade, pola ocultación, polo ánimo de lucro ou de dano, e polas dificultades para identificar ao responsable. Como advertiu a axente Elena Moya, do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil durante as xornadas Nature FIRST, celebradas a pasada semana en Lugo, "o noso traballo é localizar a orixe, recoller as probas e demostrar que houbo un delito penal contra o medioambiente". Porque, sen essa base, sen esa investigación coidadosa, as agresións ambientais quedan sen resposta xudicial. E, mentres tanto, cada litro de residuo non tratado que chega a un río é unha perda que pagamos entre todos, en forma de solo fértil, biodiversidade desaparecida, recursos públicos mobilizados e futuro hipotecado.

VERTEDURAS: CANDO A CONTAMINACIÓN MATA EN SILENCIO

Nunha das imaxes que amosou Moya, a auga dun río aparecía tinguida de marrón. Non era unha poza termal: era unha vertedura masiva de xurros que provocara unha mortaldade importante de fauna acuática. "Cada vez que hai unha vertedura deste tipo, hai unha grande afección á biodiversidade", advertiu. Nese casos, o Seprona realiza: inspeccións técnicas sobre o terreo, recollida de mostras e análises de danos e petición de informes ás administracións competentes (como Augas de Galicia ou Medio Ambiente). Tamén se analizan macrobentos e macroinvertebrados, indicadores biolóxicos de saúde dun ecosistema acuático. Estes estudos serven para cuantificar o dano e presentalo como proba en xuízo. Aquí algúns dos últimos casos detectados en Galicia:

  • Vertedura de xurros en Vilanova de Arousa: en decembro de 2024 o Concello de Vilanova de Arousa iniciou unha investigación tras a difusión nas redes sociais dunha imaxe que amosaba un tractor vertendo un líquido sospeitoso na dársena de Rego do Alcalde. As autoridades municipais sospeitan que podería tratarse de xurros, o que explicaría os elevados niveis de contaminación detectados nas augas do Esteiro e O Ariño, que obrigaron ao peche das zonas de marisqueo. A investigación busca identificar ao propietario do tractor e determinar a natureza exacta da vertedura.
  • Vertedura masiva de xurros en Trazo: en setembro de 2021 unha vertedura de máis de 600.000 litros de xurros procedentes dunha explotación agropecuaria en Trazo contaminou os regatos de Portaferreiros e Santa Eufemia, afluentes do río Tambre. Este incidente obrigou a interromper temporalmente a captación de auga potable en Santiago de Compostela e municipios próximos como Ames e Brión. As autoridades ambientais e o Seprona iniciaron unha investigación para determinar as causas da vertedura e identificar aos responsables. A vía xudicial do caso continúa aberta.
  • Vertedura de xurros en Frades: en setembro de 2022 detectouse unha vertedura de xurros mal xestionada nunha finca en Frades, que afectou ao regato de Souto, afluente do río Tambre. Grazas á rápida intervención de Augas de Galicia, que implementou medidas de contención como zanxas con palla para reter o xurro, evitouse que a contaminación chegase ao río principal. A situación foi controlada sen afectación á subministración de auga.
  • Vertedura de xurros no encoro das Conchas, na Limia: a comarca da Limia, en Ourense, leva anos sufrindo unha grave contaminación ambiental atribuída ás verteduras de xurros procedentes de macrogranxas. A Fiscalía solicitou unha investigación sobre a responsabilidade da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil por non actuar ante esta situación. Informes científicos revelan a presenza de substancias e microorganismos perigosos nas augas do encoro, afectando á calidade da auga e do aire, con riscos para a saúde e impactos económicos e sociais. Os veciños presentaron unha demanda pioneira.
  • Verteduras reiteradas de xurros na Limia: en 2019 o Movemento Ecoloxista da Limia presentou varias denuncias ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense por verteduras ilegais de puríns en diferentes puntos da comarca, como San Andrés de Oleiros, O Furriolo, Casnaloba e A Chaira de Amoroce. Nun dos casos, unha vaca morreu tras beber auga contaminada nunha balsa chea de xurros. As denuncias apuntaban a prácticas reiteradas de verteduras a "caño libre" por parte dunha empresa, sen control nin tratamento axeitado.

CAMBIOS ILEGAIS DE USO DO SOLO: DE BOSQUE A VIÑEDO

Aviso de contaminación na desembocadura do río Eo tras unha vertedura de xurros
Aviso de contaminación na desembocadura do río Eo tras unha vertedura de xurros | Fonte: GRUPO PARLAMENTARIO MIXTO - Arquivo

Outro delito frecuente é o arrasamento de zonas naturais para poder destinalas a outros usos económicos máis lucrativos para os propietarios das mesmas. En moitos casos a conversión que se busca é a de terreo forestal a vide ou a plantación de eucalipto. E, aínda que semelle mentira, o certo é que isto "non sempre se fai con maquinaria pesada e ás agachadas, senón que ás veces preséntase esta transformación como legal e mesmo se presentan permisos antigos ou denegados para aparentar legalidade", explicou Moya. Este tipo de transformacións poden vulnerar tanto leis urbanísticas como ambientais, e supoñen un ataque directo a espazos protexidos. Aquí algúns casos recentes que buscaban plantar vides:

  • Transformación de solo forestal a vide en Vilanova de Arousa: en setembro de 2024 o BNG de Vilanova de Arousa presentou unha moción no pleno municipal solicitando unha moratoria para as autorizacións de cambio de uso de solo forestal a vide. Denunciaron que, nos últimos dous anos, transformáranse centos de hectáreas de bosque en monocultivos de vide, mesmo en terreos con protección forestal. Advertiron sobre os riscos ecolóxicos, sociolóxicos e económicos desta práctica, que consideran autorizada de maneira indiscriminada pola Consellería de Medio Rural.
  • Eliminación de bosques autóctonos no Val do Ulla para viticultura extensiva: en decembro de 2023 o BNG alertou sobre a transformación masiva de solo forestal en vides extensivas nos municipios de Vedra, Teo, Padrón, Touro e Boqueixón. Denunciaron a tala de grandes masas de bosque autóctono, mesmo de bosque de ribeira, eliminando o seu papel ecolóxico. Presentaron mocións plenarias conxuntas nestes concellos para frear esta tendencia, que consideran perxudicial para o medio ambiente e a economía local.
  • Transformación de solo forestal a vide en Larouco: en abril de 2025 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade da Xunta de Galicia publicou un informe de impacto ambiental relativo a un proxecto de cambio de uso de solo forestal a agrícola para a plantación de vide en varias parcelas da parroquia de Seadur, no concello de Larouco. Este proxecto implicaba a transformación de terreos forestais en áreas destinadas ao cultivo de uvas.

Os cambios máis frecuentes que se buscan no uso do solo en Galicia son:

  • De forestal a agrícola (vide, horta...): moi habitual en zonas como O Salnés, O Ribeiro ou o Ulla. En ocasións afecta a bosques autóctonos, incluídos na Rede Natura. Motiva conflitos entre valor económico e valor ecolóxico. Tamén ten xerado críticas por plantacións intensivas en ladeiras, con impacto na erosión.
  • De agrícola ou forestal a eucalipto (forestación): aínda que está limitada pola moratoria de 2021, seguen dándose casos de reforestacións ilegais, cambios encubertos tras incendios e plantacións en zonas de alto valor agrolóxico ou mesmo de pasto comunal. É un uso moi conflitivo polo papel do eucalipto nos incendios e o seu impacto hidrolóxico. Hai unha percepción social de que se está 'colonizando' o monte con esta cultivo.
  • De rural a urbano ou industrial: este cambio busca construír naves, infraestruturas, urbanizacións ou mesmo macroplantas (como o caso de Altri en Palas de Rei). Adoita conlevar procesos de desclasificación de solo rústico que xera sospeitas de especulación. Afecta ás veces a zonas de amortiguación de espazos naturais.
  • De agrícola a gandeiro intensivo (macrogranxas): instalación de explotacións intensivas de porcino ou avícola en zonas agrícolas ou forestais. Impacto por puríns, ruído, olores e uso intensivo de recusos. Dáse moito na zona da Limia, Terra Chá e Deza. Xera oposición veciñal e accións xudiciais (por exemplo, o caso de Cospeito).
  • De forestal a usos extractivos (minaría, canteiras...): implica a deforestación e cambio fondo da paisaxe e do solo. Afecta a acuíferos, fauna e calidade do aire. Hai casos polémicos desta transformación como son a canteira de Vilachá, na Pobra do Brollón, ou as minas de Touro e Corcoesto.
  • De forestal a plantacións de froiteiras ou cultivos alternativos: búscase realizar plantacións de kiwi, aguacates ou castiñeiros, entre outros, en zonas onde antes había bosque natural. Aínda que poden ser máis sustentables que o eucalipto, tamén xeran impacto se se fan sen control.

Investigan un verquido de xurros a un río
Investigan un verquido de xurros a un río | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta