A Policía Nacional aínda busca ao quinto implicado na pelexa do martes en Pontevedra: asestou coiteladas a dous mozos

Representantes sindicais indican que "estes sucesos son máis habituais do que din desde o Concello" e remítense aos correspondentes informes de intervención onde quedan reflectidos eses feitos, "existindo tamén informes policiais que advirten da presenza de mozas que manifestan a súa pertenza a bandas latinas".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 05/06/2025 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Policía Nacional segue buscando á quinta persoa implicada na pelexa que se produciu o martes na praza de Barcelos de Pontevedra. Trátase dun dos agresores ao que se pode ver nun dos vídeos que circula polas redes sociais asestando varias coiteladas a dous mozos. Este individuo está identificado e as forzas e corpos de seguridade tratan de localizalo para proceder á súa detención. Mentres tanto, as catro persoas que foron detidas seguen nos calabozos da Comisaría Provincial de Pontevedra, á espera de que este venres sexan postos a disposición xudicial na Parda, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En canto ao estado dos feridos, un deles xa foi dado de alta mentres que outros dous continúan hospitalizados en estado grave, un deles en Montecelo e o outro no Clínico de Santiago. Para este venres, o Partido Popular convocou unha rolda de prensa na sede provincial co portavoz municipal, Rafa Domínguez; a secretaria nacional de Interior do PP e deputada no Congreso, Ana Vázquez, e a concelleira e senadora, Pepa Pardo, na que, de novo, analizarán a situación actual da seguridade cidadá en Pontevedra. O pasado mércores os populares pediron a dimisión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), por "por abandonar a seguridade da cidade".

BANDAS LATINAS

Igualmente, este xoves os sindicatos con representación na Policía Local de Pontevedra (Comisiones Obreras, CIG, CSIF e SPPME) emitiron un comunicado conxunto no que reafirman o seu "papel esencial en seguridade cidadá". Relatan como a "pronta resposta" dos axentes durante a pelexa rexistrada na Praza de Barcelos permitiu a detención de catro persoas implicadas cando "no seu intento de fuxida" foron localizadas na Rúa Aduana. Mentres tanto outros policías continuaban con labores de inspección, identificación de testemuñas e outros participantes, recuperando "unha das armas brancas utilizadas (un coitelo de grandes dimensións". Ademais, destacan, "estes axentes tamén asistiron nun primeiro momento ás vítimas da agresión" ata a chegada dos servizos sanitarios.

Estes representantes sindicais indican que "estes sucesos son máis habituais do que din desde o Concello" e remítense aos correspondentes informes de intervención onde quedan reflectidos eses feitos, "existindo tamén informes policiais que advirten da presenza de mozas que manifestan a súa pertenza a bandas latinas". "Pero continúan facendo oídos xordos e repetindo, coma se dun mantra se tratase, que Pontevedra é unha cidade segura", reprochan estes sindicatos.

Foto de arquivo dun furgón da Policía Nacional
Foto de arquivo dun furgón da Policía Nacional | Fonte: POLICÍA NACIONAL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta