O Rabelo e Meiga-i xuntos no tema '3. Fantasía', que reinterpreta melodías populares desde unha perspectiva 'queer'

"A tradición non está rifada coa disidencia e que a música galega segue sendo un espazo de liberación e reinvención", reivindican.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2025 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O Rabelo e a drag pandereteira Meiga-i aliáronse no tema '3. Fantasía', estreado esta semana e debut musical da segunda artista. Con el, reinterpretan melodías populares --como 'Carmela' e 'Carmiña'-- para abordar as identidades diversas, o adultismo e os dereitos 'queer'. Este tema forma parte do proxecto 'Xerme', o disco-libro de O Rabelo, que se presenta como un taller de son e palabras, co que mesturan a música tradicional galega coa disidencia e a modernidade. O mesmo constará de 15 colaboracións, entre as que se inclúe esta canción.

A proposta, producida por Petrowski, reinterpreta melodías populares galegas, como 'Carmiña' e 'Carmela' e colócaas ao servizo dunha mensaxe de "inclusión e empoderamento", segundo o contan a través dunha nota. Esta intención trasládase ao videoclip, producido por Cru Producións e dirixido por Iris Xusto. "Creo que queremos que nos entendan, simplemente, por iso utilizamos as historias de ficción, personaxes e a música. Para mellorar a convivencia, facernos entender cando as palabras non chegan", explica Meiga-i.

MEIGA-I E O RABELO TRAS A CANCIÓN

A través desta canción, a drag pandereteira, coñecida polo seu traballo de visibilización da cultura 'queer' galega e a música tradicional, dá un paso máis aló da súa faceta de intérprete e creador, lanzándose ao primeiro tema de estudo da súa carreira. Esta é unha extensión do que xa traslada ás súas actuacións, nas que xa integraba o 'lip-sync' co canto e referencias á cultura popular galega, a través da utilización de temas de Ana Kiro, por exemplo.

Por outra banda, O Rabelo, cunha proposta que fusiona a tradición co urbano, continúa a súa traxectoria con 'Xerme', un disco que non só é un obxecto sonoro, senón tamén literario, que busca provocar, sorprender e, sobre todo, crear espazos de escoita e reflexión. Con '3. Fantasía', O Rabelo e Meiga-i demostran que "a tradición non está rifada coa disidencia e que a música galega segue sendo un espazo de liberación e reinvención", reivindican.

3.Fantasía
3.Fantasía | Fonte: Youtube

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta