Feira Abanca Semana Verde: 112.200 visitantes e aumento de expositores e operadores internacionais

A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos pecharon as súas portas tras cadro días de moita actividade comercial e de lecer con importante presenza internacional.

Por Galicia Confidencial | Silleda | 11/06/2025 | Actualizada ás 08:55

Comparte esta noticia

A organización estimaba, rematando a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Silleda, que se tiñan contailizado 112.200 visitantes, os cales foron rexistrados a través dun sistema de cámaras con software intelixente situadas nas entradas ao recinto que permite obter cifras totais de asistencia con maior precisión e cuxo provedor é a empresa Intermax. Trátase, pois, da mellor cifra de visitantes dende antes da pandemia e supón un 32% máis que o ano pasado, cando foran algo máis de 84.600 visitantes.

Público en Salimat Abanca. Foto: Prensa da Feira Abanca Semana Verde.
Público en Salimat Abanca. Foto: Prensa da Feira Abanca Semana Verde.

MÁIS EXPOSITORES E MÁIS INTERNACIONAL

En canto a expositores, o certame acadou a súa mellor cifra de expositores directos do últimos dezaoito anos, con 758 empresas e entidades de España, Portugal, Italia, Cuba, Colombia, México, Ecuador e EE.UU. Unha presenza expositiva que destacou máis que nunca pola súa gran diversidade, xa que non só volveu contar con sectores como gandería, bioenerxía, pequena maquinaria, ferramenta, mobiliario ou artesanía, e cos seus salóns paralelos de alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, senón que se estreou a feira de beleza e estética Intermax Beauty Show. 

Ademais, esta convocatoria foi a máis internacional do últimos vinte anos, co dobre de expositores directos de fóra de España que o ano pasado, firmas estranxeiras de 26 países e máis de corenta operadores turísticos e compradores alimentarios internacionais de vinte países distintos nas súas mesas de negocio.

No que respecta á satisfacción dos expositores, esta foi máxima para a inmensa maioría deles. A gran afluenza de público que pasou polos stands e os bos resultados das mesas de negocio dalgúns dos salóns axudaron a este punto de vista tan optimista. Por outra banda, a cantidade e variedade de actividades de lecer contribuíu a que o público tivese unha boa experiencia e saíse contento da mostra.

"Todo iso supón que as expectativas sexan excelentes para a vindeira edición, en canto a superar presenza expositiva e tamén seguir conseguindo un gran respaldo do público", referían dende a organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta