A Xunta pide ao Goberno "volver á vía do consenso" na repartición de menores migrantes: "Non se trata de paquetes"

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lembrou que "non se trata de adultos que poden aloxarse nun hotel", senón que son menores que necesitan acompañamento, escolarización, atención sanitaria e atención residencial 24 horas, polo que, reiterou, "nestes momentos Galicia non ten capacidade de acollida de máis de 300 menores migrantes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2025 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pediu ao Goberno que "volva á vía do consenso" na repartición de menores migrantes, despois de que este luns a Xunta acordase presentar recurso ante o Tribunal Constitucional ao decreto estatal que regula a repartición de menores migrantes non acompañados.

A preguntas dos medios este martes nun acto en Santiago da Asociación galega de familias de acollida (Acougo), a conselleira insistiu en demandar ao Executivo central que pregunte ás comunidades que capacidade de acollida teñen e, en función diso, "que faga a distribución de todos os menores migrantes". "Non se trata de paquetes, senón que se trata de adolescentes", aseverou. Nesta liña, Fabiola García defendeu que Galicia é "unha terra acolledora e solidaria", destacando que nos últimos anos a Comunidade acolleu a "máis de 90 menores non acompañados" a través de "acordos voluntarios e pactados co Goberno de España en función da capacidade de acollida" das distintas comunidades.

"Nestes últimos anos chegaron máis de 90 menores migrantes e agora o que pretende o Goberno de España a través dunha modificación legal é impor unha repartición ás comunidades e as comunidades o que lle dicimos é que non podemos acoller a eses menores porque non temos capacidade residencial", manifestou. Así, lembrou que "non se trata de adultos que poden aloxarse nun hotel", senón que son menores que necesitan acompañamento, escolarización, atención sanitaria e atención residencial 24 horas, polo que, reiterou, "nestes momentos Galicia non ten capacidade de acollida de máis de 300 menores migrantes".

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, atende aos medios de comunicación
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, atende aos medios de comunicación | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta