Román Rodríguez falará co subdirector de Inspección logo de que este chamase "clase ociosa" ao profesorado

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, defendeu a "liberdade ideolóxica" deste cargo. O BNG pide o cesamento do subdirector

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2025 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, prometeu que falará co subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Enrique Prado Cova, despois de que a CIG reclamase este venres o seu cesamento por unha serie de artigos nos que, por exemplo, chamaba "clase ociosa" ao profesorado.

En calquera caso, Rodríguez defendeu a "liberdade ideolóxica" deste cargo e o "pluralismo", fronte á "intolerancia" do "pensamento único", a condición de que o seu traballo o faga "con neutralidade".

En concreto, a CIG pediu o cesamento de Prado Cova polas súas "firmes conviccións ideolóxicas puramente reaccionarias" e "ultraespañolistas", manifestadas a través destes artigos que están subidos a Internet desde anos atrás. Nalgún deles cuestiona a atribución de competencias educativas ás comunidades autónomas.

Todo iso no medio da polémica polas instrucións para o novo curso, nas que a Xunta introduciu un parágrafo para garantir a "neutralidade ideolóxica" nos centros. Para ese efecto, todas as actividades complementarias que se realicen nos colexios deberán ser informadas tamén á Inspección educativa, da que Prado Cova é responsable.

Preguntado polos medios nun acto en Poio, o conselleiro restou importancia á reclamación do sindicato: "Bo, a CIG pide cesamentos constantemente. Ten pedido o meu, de directores xerais, de diferentes profesionais".

En calquera caso, Román Rodríguez prometeu "ver cal é o motivo", "avaliar" e "falar" con el, pero coa premisa de "respectar ao que pensa diferente", porque é "básico e fundamental". Se non, estariamos "nunha especie de totalitarismo", engadiu.

O conselleiro tamén alegou que nesta cuestión non se fala "da persoa", senón "dun cadro técnico, dun subdirector". "Creo que aquí, precisamente, a neutralidade o que posibilita é que haxa o pluralismo. E o pluralismo baséase no respecto do que pensa como eu e do que pensa diferente", concluíu.

PAZOS COUÑAGO: "LIBERDADE DE PENSAMENTO"

Tamén defendeu a "liberdade de pensamento, dentro dos límites razoables da democracia", o portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago, ao ser preguntado este venres respecto diso nunha rolda de prensa.

"Supoño que son conviccións ultraespañolistas as que non coinciden coas conviccións ultranacionalistas da CIG", ironizou o dirixente popular, quen resolveu o tema apelando a que o labor de "calquera funcionario" debe "xulgarse exclusivamente" polo seu traballo "e non por se coincide ou non cos posicionamentos da CIG".

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, responde a unha pregunta no pleno do Parlamento de Galicia / XUNTA / Europa Press
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, responde a unha pregunta no pleno do Parlamento de Galicia / XUNTA / Europa Press

BNG PIDE "CESAMENTO INMEDIATO"

O BNG esixe o "cesamento inmediato" do subinspector de Inspeccción e Avaliación do Sistema Educativo da Xunta, Enrique Prado Cova, polas súas "accións e pensamentos fascistas" nunha serie de artigos publicados por el mesmo en Internet.

Ademais, solicitará a comparecencia no Parlamento do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e da directora xeral de Ordenacción e Innovación Educativa, Judith Fernández, tanto por este asunto como polas polémicas instrucións para o próximo curso, que inclúen a "neutralidade ideolóxica" das actividades dos centros.

Nun comunicado, a portavoz do Bloque en materia educativa na Cámara galega, Cristina Fernández, cualificou de "intolerable" que alguén coas súas responsabilidades "actúe en contra dun sistema educativo baseado nos valores democráticos e no pluralismo".

Por exemplo, nalgúns destes artigos, Prado Cova refírese a os profesores como "clase social ociosa", critica á oposición e cuestiona a atribución das competencias en educación ás comunidades autónomas e a esixencia de coñecemento do galego para acceder ao emprego público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta