Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2025 | Actualizada ás 18:19
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aprobou na súa reunión deste venres solicitar ao Ministerio de Xustiza e á Xunta que a nova aplicación informática para a tramitación de procedementos xudiciais permita o seu uso, indistintamente, en lingua galega e española. Tal e como detallou o TSXG nunha nota de prensa, o órgano de goberno dos xuíces e xuízas lembrou ao Ministerio, que é quen desenvolveu o novo sistema, e á Xunta, que asumirá a súa implementación na Comunidade, que tanto a Constitución española como o Estatuto de Autonomía de Galicia recoñecen o idioma galego como lingua oficial e propia da Comunidade.
Neste contexto, máis de 350 profesionais da Administración de Xustiza e a Irmandade Xurídica Galega remitiron un escrito ao ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, e ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na que tamén reclamaron que a aplicación, denominada Atenea e cuxa posta en funcionamento está prevista para xaneiro de 2026, se desenvolva en bilingüe. Ademais, lembraron que actualmente non é posible tramitar procedementos integramente en lingua galega nin asegurar á cidadanía a notificación das resolucións no devandito idioma. A actual aplicación informática (Minerva), vixente desde hai 20 anos, foi programada polo Ministerio en castelán, do mesmo xeito que Atenea, e transferida á Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.