Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/06/2025 | Actualizada ás 14:40
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, amosouse sorprendido polas críticas de organizacións "do mesmo ámbito político e sociolóxico" á defensa da neutralidade ideolóxica nos centros educativos. Nunha entrevista na Radio Galega, Rodríguez insistiu en que dita neutralidade é un "principio básico" do sistema público e advertiu que resulta incomprensible que se cuestione, coma se se pretendese "utilizar o sistema educativo para o que non é".
Rodríguez sostivo que todas as familias desexan unha educación baseada na liberdade de pensamento, o pluralismo e o respecto ás diferenzas, e subliñou que a neutralidade ideolóxica permite formar alumnado con pensamento crítico e sen imposicións ideolóxicas. "Precisamente, é esa neutralidade a que garante o pluralismo", afirmou o conselleiro, reivindicando a defensa dos valores constitucionais como base da educación pública.
En relación coa polémica sobre a Facultade de Medicina, Rodríguez criticou á Universidade da Coruña por actuar "por libre" e con argumentos "débiles". Recoñeceu que o acordo de 2015 para un grao único de Medicina con docencia descentralizada non se desenvolveu como debía, pero reiterou que a solución pasa por reforzar ese modelo con participación das tres universidades galegas e dos complexos hospitalarios. Mostrouse confiado en reconducir a situación, apelando á "xenerosidade" e á "altura de miras".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.