Xulgan en Pontevedra un home acusado de encargar un transporte de heroína dende os Países Baixos

Fiscalía pide 8 anos de prisión e unha multa de 7 millóns de euros por un presunto delito de tráfico de drogas en cantidade notoria

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2025 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro martes, 1 de xullo, a vista oral contra un home ao que se lle atribúe a planificación dun transporte internacional de heroína con destino á provincia pontevedresa. A Fiscalía solicita para o acusado, de nacionalidade albanesa e española, unha pena de oito anos de prisión e unha multa de 7 millóns de euros por un presunto delito de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde en cantidade notoria.

Arquivo - Heróina incautada pola Policía
Arquivo - Heróina incautada pola Policía | Fonte: Policía Nacional

Segundo consta no escrito do Ministerio Fiscal, os feitos terían ocorrido entre os anos 2015 e 2016, cando o procesado se reuniu con outros dous individuos para organizar a chegada dunha partida de heroína dende os Países Baixos. A droga tiña como destino final a provincia de Pontevedra, onde supostamente sería introducida no mercado para a súa distribución.

Un dos colaboradores viaxou por estrada ata Holanda, onde recolleu a substancia e iniciou o regreso a Galicia. Non obstante, foi interceptado polas forzas de seguridade, case chegando ao seu destino, ao seu paso por Tui, no sur da provincia de Pontevedra, cunha carga de máis de 53 quilos de heroína oculta no vehículo.

Os dous intermediarios xa foron xulgados e condenados con anterioridade por estes feitos. Agora é a quenda para o presunto instigador da operación, que, de acordo coa investigación, tería asumido un papel de dirección e coordinación do transporte, sen intervir directamente na loxística da viaxe pero mantendo contactos cos implicados.

A Fiscalía considera que a cantidade de droga intervida, así como a natureza da sustancia e a organización do transporte, encaixan no tipo penal que contempla penas agravadas por tráfico de estupefacientes en cantidade notoria, co agravante de que esta heroína está catalogada entre as substancias que causan grave dano á saúde.

O xuízo celebrarase no edificio xudicial da cidade de Pontevedra e está previsto que declaren varios testemuños e expertos que participaron nas tarefas de seguimento e detención, ademais de peritos que avalían o valor de mercado da droga comisada e os posibles beneficios obtidos a través da súa venda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta