Besteiro impulsa os foros sectoriais do PSdeG para construír unha alternativa “realista e galeguista”

O líder socialista convoca os coordinadores dos 15 grupos de traballo que definirán o proxecto político do partido e abre o proceso á participación da sociedade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2025 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE continúa coa súa folla de ruta para a renovación interna e a definición dunha proposta política de futuro. O seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, convocou esta semana os coordinadores dos 15 grupos de traballo aprobados pola Comisión Executiva Nacional Galega no mes de abril. Trátase da seguinte fase do proceso de construción dun proxecto “realista, galeguista e centrado na maioría social”, co que os socialistas buscan afianzar unha alternativa política para Galicia.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramon Gómez Besteiro
O secretario xeral do PSdeG, José Ramon Gómez Besteiro | Fonte: PSdeG

"Queremos escoitar máis voces, unir máis miradas e construír máis Galicia", declarou Besteiro, quen insistiu na idea de abrir o proceso á cidadanía e ao conxunto da sociedade civil. O dirixente destacou o perfil das 173 persoas que xa se integraron nos grupos durante as últimas semanas: "Son xente comprometida, con experiencia en sanidade, educación, empresa, coidados, o rural… persoas que coñecen a realidade galega e queren construír", asegurou.

Os 15 grupos sectoriais contan xa cunha estrutura definida e serán os encargados de canalizar as achegas de militantes e simpatizantes de cara ao deseño programático do partido. Os seus responsables son:

  • Igualdade, Silvia Fraga

  • Sector Económico, Abel Losada

  • Política Social, Natalia González Benéitez

  • Sanidade, Xullo Torrado

  • Educación, Fabián Canosa

  • Cultura e Lingua, Silvia Longueira

  • Monte, Roberto Fernández Rico

  • Mar e Recursos Mariños, José Ramón Romeu

  • Medio Ambiente e Emerxencia Climática, Ramón Alonso

  • Transportes e Mobilidade, Patricia Otero

  • Memoria Histórica, Iván Pontes

  • Vivenda, Iria Sobrino

  • Deportes, Jorge Bustos

  • LGBTI, Aitor Rodríguez Casanova

  • Europa, Nicolás González Casares

Segundo fontes do partido, cada un destes foros disporá de autonomía para organizar encontros, sesións de traballo e consultas que permitan recoller propostas sobre as distintas áreas da realidade galega. A intención do PSdeG é impulsar un proceso aberto e plural, que sirva para "elaborar unha alternativa de futuro" fronte ao actual Goberno galego.

Este movemento enmárcase nun contexto de rearme estratéxico dos socialistas galegos, que tras os resultados das últimas eleccións buscan fortalecer a súa presenza territorial e definir un proxecto político propio, adaptado á realidade galega e ao novo ciclo político estatal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta