Por Claudia Varela Lourido | A CORUÑA | 22/07/2025 | Actualizada ás 01:04
Este luns, o tecido asociativo e memorialista galego reuniuse na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, para compartir impresións acerca da situación que está vivindo actualmente o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Nun primeiro momento, nesta reunión ían abordarse as futuras pautas de actuación ante a inacción institucional na declaración BIC (Ben de Interese Cultural) do museo, mais tras unha fin de semana chea de reivindicacións, a Xunta vén de declaralo BIC, a tan só 10 días de que finalizase o prazo do expediente de incoación.
Este museo, ubicado no complexo da fábrica de Sargadelos do Castro, en Sada, foi unha institución pioneira creada polo Laboratorio de Formas no ano 1970. En palabras de Díaz Pardo, o Carlos Maside pretendía recuperar “o movemento renovador da arte galega”. Castelao, Laxeiro, Seoane, Urbano Lugrís, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro ou o propio Carlos Maside son algúns dos autores que permanecen agochados tralas paredes dun edificio que alberga gran parte da expresión artística galega.
AS FÁBRICAS DO CASTRO QUEDAN FÓRA DO EXPEDIENTE
A reunión foi conducida por Abel López Soto, secretario da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e Carlos Babío Urkidi, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH). Afirmaba este último que "a Xunta anunciou que a declaración BIC vai exclusivamente para o contido e o continente do museo", quedando fóra do expediente o resto do complexo do Castro.
Máis dunha vintena de asociacións procedentes de todo o territorio galego comentaron as súas percepcións sobre a declaración BIC, os próximos pasos a dar e posibles actuacións a ter en conta á hora de abordar este tema, de singular importancia para todo o conxunto da poboación galega, tal e como sinalaron: "demostrouse unha vez máis que a Administración actúa se a sociedade se move".
A meirande parte das aportacións dos colectivos, entre os que se atopaban asociacións como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, a Casa Museo Manuel María, a Asociación Cultural Reino da Galiza ou a Agrupación Cultural O Facho, aportaron unha visión moi semellante, apoiando a creación dun manifesto mediante o cal se faga un chamamento ao resto do tecido asociativo, pero tamén a todos aqueles particulares que se sintan identificados co patrimonio e o legado que deixaron Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Unha das liñas de actuación que todo o conxunto considerou moi relevante é a protección e declaración BIC para todo o complexo do Castro, en Sada, xa que "non ten sentido que Cervo sexa BIC e o Castro non", tal e como apuntaba Abel López Soto.
O CONCELLO DE SADA SUMA UN NOVO BIC
O Concello de Sada (A Coruña) celebrou a declaración da Xunta do Museo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural (BIC), "un recoñecemento merecido a un espazo fundamental para entender a historia cultural e artística de Galicia no século XX". Así, apela a traballar conxuntamente entre administracións para unha apertura "estable". Nun comunicado, o Concello de Sada resaltou que deste xeito o municipio pasa a ter tres inmobles declarados BIC xunto ao Pazo de Meirás e A Terraza.
Remarcan a importancia dun fondo artístico e documental "irrepetible" arredor do proxecto de Sargadelos ideado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Tamén pediron non esquecer o papel "fundamental" de Carmen Arias de Castro, 'Mimina', pois os terreos da súa familia foron onde se levantou o complexo industrial. "Desde o Concello sempre teremos a man tendida para colaborar na apertura e promoción deste museo", remarcou o alcalde, Benito Portela.
Iria Friné-Rivera, historiadora da arte e investigadora da USC, destacaba na súa intervención a importancia da protección da documentación que se atopa no Museo Carlos Maside: "cando elaboramos o informe do expediente do museo tivemos moi en conta o listado de obras, pero tamén a documentación". A historiadora aludía así mesmo ao accionista maioritario da empresa: "O Museo Carlos Maside é patrimonio industrial e artístico. Segismundo non é consciente do que conleva a declaración BIC e debe coidalo".
Concluía Abel López Soto afirmando que "a Xunta é consciente de que existe mobilización social arredor do Carlos Maside", un argumento secundado pola parlamentaria do BNG Mercedes Queixas, que destacaba que "a sociedade galega todavía non perdeu a memoria". Esta reunión é sintomática da preocupación que existe a nivel social con respecto da desprotección do Museo Carlos Maside, a través do cal Isaac Díaz Pardo "reivindicou a memoria en momentos moi difíciles". É por iso que, a través deste primeiro encontro, o asociacionismo galego tece redes unha vez máis e continúa reivindicando o noso patrimonio colectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.