Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 22/07/2025 | Actualizada ás 17:57
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria pola que se aproba unha modificación do prego de condicións da Denominación de Orixe Monterrei e que contempla a ampliación do territorio amparado pola denominación. En concreto, inclúense novas parroquias dos concellos de Monterrei, Cualedro e Laza, e intégranse por completo algunhas do concello de Riós que ata agora só estaban parcialmente incluídas.
Segundo destacou a Xunta nunha nota de prensa, esta ampliación responde a unha antiga demanda dos viticultores locais e abarca zonas cunhas características semellantes ás do territorio actual. Outra das novidades é que as adegas desta denominación poderán elaborar viños rosados, que se sumarán aos brancos e tintos xa recoñecidos. Unha modificación que responde, segundo o Goberno galego, ao "crecente interese" por este tipo de viños e á experiencia previa de elaboracións fóra da denominación.
Tamén se introducen cambios nalgúns parámetros analíticos, xa que nos viños tintos redúcese a acidez total mínima, mentres que nos brancos increméntase o límite máximo de contido en sulfuroso. No ámbito das prácticas enolóxicas, establécense condicións específicas para os novos rosados "que deberán elaborarse cun mínimo do 85 % de uvas tintas" e elimínanse tres restricións. Estas restricións serían a prohibición do uso de anacos de madeira, a limitación na mestura dos viños do ano con ata o 15 % de colleitas anteriores aos dous precedentes e a obrigatoriedade de empregar unha porcentaxe mínima de determinadas variedades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.