Temas: BOLSAS XUSTIZA

Abren expediente aos avogados da Coruña por Bankia

A CNMC sospeita que o Colexio de letrados desta provincia recomendou unhas tarifas abusivas nas demandas pola saída a Bolsa do banco madrileño.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 23/06/2016 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) abriu expediente sancionador a nove colexios de avogados de toda España por presunta infracción da Lei de Defensa da Competencia ao aplicar sobrecostes no cálculo das taxas das demandas contra o proceso de saída a bolsa de Bankia.

José Pérez-Cepeda, decano do Colexio de Avogados da Coruña
José Pérez-Cepeda, decano do Colexio de Avogados da Coruña

Os colexios de avogados afectados, o número dos cales se podería ampliar durante o proceso de investigación, son o de Valencia, Barcelona, Ávila, La Rioja, Vizcaya, Santa Cruz de Tenerife, Albacete, A Coruña e Sevilla, segundo informou a CNMC este mércores nun comunicado.

Tras unha denuncia de Bankia, o regulador observou "indicios racionais da existencia de condutas prohibidas" respecto a recomendacións de prezos por parte dos colexios de avogados mediante a elaboración e publicación de criterios orientativos de taxación de costas, sen ter en conta a existencia de preitos masivos idénticos ou moi parecidos entre si.

Fontes da CNMC explicaron a Europa Press que non se pode cobrar o mesmo por demandas repetitivas que por unha individualizada, xa que os custos de preparación do caso só se poden imputar unha vez.

A denuncia de Bankia calcula que está a soportar un sobreprezo na liquidación de costas procesuais no marco da súa Oferta Pública de Subscrición de accións de 2011 de máis de 150 millóns de euros.

A CNMC recordou que a apertura deste expediente sancionador non prexulga o resultado final da investigación, que inicia agora un período máximo de 18 meses para a súa instrución e resolución.

Temas: BOLSAS XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta