Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 26/07/2025 | Actualizada ás 12:00
A cidade estaba viva e agardando polo comezo da edición deste 2025 do Morriña Fest dende moito antes de que se abriran as portas do Peirao da Batería. A iso das sete da tarde, a fileira de persoas agardando entrar no recinto xa serpenteaba o porto da Coruña. As food trucks arrincaban motores e as pulseiras íanse amoreando nas bonecas dos asistentes ao festival coma amuletos do que estaba por vir. O primeiro disparo emocional da tarde-noite deste venres 26 de xullo deuno Gale, que saiu puntual ás sete e media ao escenario A Coruña e conquistou aos máis madrugadores cunha mestura elegante de pop alternativo e enerxía xuvenil. A súa voz flotaba sobre o solpor coma se alguén tivese aberto unha ventá ao verán eterno. Foi un comezo cálido e sobrio, ideal para preparar o terreo.
RECYCLED J DEIXA A PEGADA SIMBÓLICA DA NOITE AO MENTAR A PALESTINA
Ás oito e cuarto da tarde, o foco mudou ao escenario Estrella Galicia, onde Duncan Dhu trouxo consigo unha onda de nostalxia perfectamente calculada. Soaron como soan as lembranzas: un pouco máis lentos, un pouco máis doces. 'En algún lugar' convertiuse nun himno compartido entre pais, fillos e quen simplemente precisaba algo bonito para ancorarse ao presente. Foi un set corto, pero fermoso. Do mesmo xeito, Veintiuno, pasadas as nove da noite, amosou por que están en pleno estado de graza. Soaron afiados, milimetrados pero emocionais, cun directo que sabe xogar coas dinámicas. A esa hora o recinto xa estaba repleto, e notábas:e a comuñón co público foi total. Cancións como 'La vida moderna' ou 'Dopamina' coreábanse como se tivesen saído dun diario común.
E enton, ás dez menos cuarto, chegaba un dos pratos fortes da noite: Recycled J. O madrileño saíu con fame de escenario e deixouno todo. Alternou entre rap melódico, reggaeton fino e electrónica urbana, construíndo un show que semellaba non dar respiro. Cada base retumbaba no peito, cada verse berrábase dende o alma. Foi pura enerxía: desas actuacións que dano todo sen necesidade de artificio. Pero tamén foi un concerto que pechou cunha clara carga simbólica: "Viva Palestina libre!", proclamou ante un público que respostou con vítores. Nunha edición do festival na que existiu unha forte polémica arredor da orixe de parte do financiamento --polémica que fixo que caese do cartel a última hora o artista Residente--, ese berro resoou máis aló do escenario. Pasadas as once da noite, Miss Caffeina devolveu o pulso ao pop máis colorido e bailable. 'Merlí' e 'Reina' convertéronse en coreografías espontáneas baixo as luces, nun mar de corpos sincronizados.
BEÉLE E ALLEH & YORGHAKI, OS MÁIS ACLAMADOS POR UN PÚBLICO ENTREGADO
E entón si, chegou o artista máis agardado do momento: Beéle. Eran as doce menos dez e o aire xa cheiraba a festa, a desexo, a Caribe. O colombiano fíxose agardar uns minutos antes de saír xa pasadas as doce da madrugada entre luces vermellas e fume cun sorriso amplo ao escenario principal, e en canto soaron os primeiros acordes de 'I miss you', o público soubo que estaba ante o concerto máis sensual da noite. Beéle non canta: murmura, desliza, acaricia. Ademais, cada tema era introducido cunha reflexión que mesturaba o emocional co humor e tamén con experiencias da súa propia vida. 'No tiene sentido' foi unha estoupida colectiva, e non faltaron os móbiles ao aire, os bicos roubados e os pasos de 'perreo' suave. Ao igual que con 'La Plena'. Cunha banda sobria e unha voz limpa, entregou un concerto case perfecto, que funcionou como bisagra emocional da madrugada.
Aínda co eco do seu último tema nos oídos, Alcalá Norte rebentou a madrugada cun contrastre brutal: punk, suciedade sonora e provocación. Era o que tocaba a esa hora: sacudirse o emocional e entregarse ao caos. Saltos, berros e un público que o deu todo aínda que xa empezaba a notarse o cansanzo nalgunhas caras despois de toda a tarde sen parar de bailar. Con todo, aínda quedaba un dos pratos máis agardados do día: Alleh & Yorghaki, o dúo, pasadas as dúas da madrugada, demostrou por que se converteron xa nunha referencia absoluta do novo panorama musical latino. O seu foi un ritual: letras de ensoño e tamén dignas de quedar unha noite enteira sen durmir, escoitándoas. De 'El Ingeniero' a 'Capaz'. Non só deron un concerto, montaron unha experiencia. A xente non bailaba: flotaba. Entre fume, luces púrpura e beats emocionais, Alleh & Yorghaki selaron o seu status de fenómeno.
FESTIVAL DE CONTRASTES: POP, TRAP, PUNK... NOSTALXIA E MODERNIDADE
E para aqueles que aínda tiñan algo de corda, chegou o peche da noite a cargo de Michenlo. O dj galego optou por un set envolvente. Unha baixada á terra, entre bases de festa e melancólicas, perfectas para ir deixando o corpo en repouso, pero sen chegar a baixar de todo a intensidade, tendo en conta que moitos aínda seguiron logo co baile polas discotecas da Coruña, completando unha xornada redonda e inesquecible. Así, a primeira noite do Morriña Fest 2025 foi iso: un vaivén emocional, un festival de contrastes, un lugar onde o pop, o trap, o punk e a nostalxia e a modernidade abrazáronse sen pedir permiso. Pero se houbo un nome que condensou nunha hora o espírito deste verán, sen dúbida, ese foi o artista colombiano Beéle.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.