Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2025 | Actualizada ás 13:02
Traballadores da empresa Ambulancias Pontevedra, actual concesionaria deste servizo na área sanitaria Pontevedra-O Salnés, concentráronse este luns ante o Hospital Provincial para denunciar os "incumprimentos da concesionaria", que segundo apuntan, "non son gravísimos, pero son fundamentais para que funcione este servizo".
Unha cuestión, engadiron, pola que tamén culpan ao Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así, a representante de CIG, Cecilia Tarela, explicou que as negociacións coa empresa están "pechadas sen acordo" despois de que na última reunión os representantes de Ambulancias Pontevedra non asinasen ningún do dez puntos que demandaban os traballadores.
Como medida de presión, sinalaron que se convocou a concentración deste luns e outra para o venres desta mesma semana. De non chegar a un acordo, xa avanzan que iniciarán unha folga a partir do 15 de setembro.
O persoal di ter constancia de que a xerencia da área sanitaria "é sabedora de todos estes problemas" e "tampouco está a facer nada", lembrando que "este servizo, aínda que está privatizado, depende do Sergas".
Entre outros problemas, detallaron que algúns vehículos carecen de aire acondicionado, "alcanzando temperaturas de 38ºC que sofren non só os traballadores, senón os pacientes". Tamén dixeron que a base das ambulancias "segue sen reunir as condicións mínimas", polo que denunciaron esta situación na Inspección de Traballo, entre outras reclamacións. "Non entendemos a actitude da empresa", afirmou Cecilia Tarela.
Con esta concentración, o Comité pretende que a xerencia "meta presión" á concesionaria do servizo de ambulancias para que retome as negociacións e chegue a acordos cos seus traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.