Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2025 | Actualizada ás 16:37
Colectivos de nais e mulleres manifestáronse este luns fronte ao Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para pedir "respecto, seguridade e privacidade" ante o inminente traslado ás instalacións provisionais de pediatría e obstetricia no edificio de Cristal e o abandono do Hospital Materno Infantil, e reclamaron o seu "dereito a parir con dignidade". Unha manifestación na que participaron máis dunha vintena de persoas, entre elas, os colectivos Arrolos de Teta, O parto é noso, Marcha Mundial das Mulleres, Petra Maternidades Feministas, a Asociación Galega de Matronas e SOS Sanidade Pública Ourense, así como membros do PSdeG e BNG en Ourense.
Ao berro de "quero poder parir sen ter que fuxir a Verín", os colectivos denunciaron un traslado que apenas cumpre "condicións mínimas". "Que nos teñan separadas cunhas láminas de aluminio, compartindo baño, unha ducha para todas, sen espazo, non pode ser" lamentou Paula Pérez, membro da Asociación de apoio á lactación Arrolos de Teta. As obras para o traslado comezaran o luns pasado e, segundo o Centro Hospitalario, garantirán o traslado esta semana, segundo o previsto, ao edificio de Cristal, no caso de Pediatría e Obstetricia, e á Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria no caso da unidade de partos. Un traslado que se efectuará tras tres incidentes no Materno Infantil, o último o mércores da semana pasada, co desprendemento dun falso teito na segunda planta.
RESPOSTA DE PSDEG E BNG
Socialistas e nacionalistas participaron tamén na manifestación, denunciando a actuación do Partido Popular en Galicia. "Están a facer parches continuamente que todos sabemos que non levan a nada" lamentou Bernardo Varela, deputado provincial do BNG en Ourense. O BNG recalcou, ademais, a necesidade dunha "sanidade pública digna e merecente" e chamou á cidadanía a "ser conscientes" dun problema que "vai en contra da dignidade das persoas", segundo manifestou Luís Seara, portavoz do BNG no Concello.
Pola súa banda, o PSdeG pide explicacións aos populares e pregunta: "Que pasa coas mulleres e coa natalidade para o Partido Popular?". "Esta é a forma de xestionar do PP, non ocorren máis desgrazas porque teñen sorte", engadiu a deputada polo PSOE no Congreso dos Deputados Marga Martín, nunha rolda de prensa este luns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.