Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2025 | Actualizada ás 19:05
A Xunta convoca axudas, dotadas cun millón de euros, para financiar a parada temporal da actividade marisqueira en bancos marisqueiros de Ferrol. A finalidade destes apoios é compensar os efectos da veda establecida entre o 16 de abril e 16 de xullo como medida técnica de conservación recollida nos plans de xestión conxuntos de moluscos bivalvos a pé, a pé con embarcación auxiliar e desde embarcación en zonas de libre marisqueo e en zonas de autorización das confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos.
Estes apoios distribuiranse en dúas ordes de axuda: unha para marisqueo a pé e outra para marisqueo á boia. Serán publicadas no Diario Oficial de Galicia en próximos días. Os potenciais beneficiarios destas axudas son 124 mariscadores a pé, 102 tripulantes e 40 embarcacións pola parada, unha medida técnica consensuada coas confrarías. As confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos comercializaron o ano pasado 182,5 toneladas de bivalvo por valor de 2,2 millóns de euros.
PORTOS AZUIS
Por outra banda, o Consello da Xunta deu o visto e place a unha ampliación do apoio ao programa de capacitación Portos Azuis. Así, deu luz verde ao proxecto de acordo polo que se autoriza a firma dunha adenda de modificación ao convenio entre a Consellería do Mar, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Portos do Estado para facilitar a contribución económica a este programa da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Este cambio inclúe a incorporación dunha nova achega de 114.080 euros, que se suman aos 125.400 euros que figuraban no acordo subscrito polas partes en 2024, o que supón unha achega total por parte da Xunta de 62.720 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.