Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/09/2025 | Actualizada ás 14:00
Nunha sociedade cada vez máis alerta nos riscos que enfrontan nenos e adolescentes, Galicia decidiu dar un paso valente. O pasado luns, o Consello da Xunta aprobou un proxecto de lei que prohíbe a venda e o consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores a menores de idade. Con esta decisión, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en tomar esta medida, que busca frear o avance silencioso de produtos que, aínda que normalizados, supoñen unha ameaza real para a saúde de organismos en pleno desenvolvemento. A norma resposta a unha preocupación crecente entre pediatras, educadores e familias: o uso habitual de produtos con alta carga de cafeína e azucre entre adolescentes, moitas veces asociados ao deporte ou ao rendemento académico, e a miúdo acompañados polo alcol. Pero, que efectos reais teñen nos menores estas bebidas mal chamadas enerxéticas?
"AO CHAMALAS ENERXÉTICAS PODE ENTENDERSE QUE APORTAN CALORÍAS QUE ATA PODEN SER BENEFICIOSAS PARA CERTAS ACTIVIDADES COMO O DEPORTE"
A resposta ofrécea con claridade a doutora María Rosaura Leis Trabazo, catedrática de Pediatría na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). O seu diagnóstico é tan contundente como didáctico: "O que é importante destacar é que debemos informar e educar ben á poboación". "Estas bebidas deberían ser chamadas bebidas estimulantes, e non enerxéticas", defende, pois considera que "ao chamalas enerxéticas pode entenderse que aportan calorías ou azucres que ata poden ser beneficiosos para certas actividades como o deporte, cando non é así". "Iso pode levar aos adolescentes a crer que lles dán forza ou unha maior capacidade, cando a realidade é que conteñen grandes cantidades de cafeína, cuxos efectos perxudiciais para un organismo en desenvolvemento son moi numerosos", advirte.
RISCOS PARA UN CORPO QUE ESTÁ MEDRANDO: "PEOR CALIDADE E CANTIDADE DE SONO, IRRITABILIDADE, ARRITMIAS, PEOR MINERALIZACIÓN ÓSEA..."
Os efectos destas bebidas non son anecdóticos. A doutora Leis alerta de consecuencias serias: "Vemos peor calidade e cantidade de sono, maior irritabilidade, aumento da tensión arterial, arritmias cardíacas e mesmo convulsións asociadas ao consumo destas bebidas". "Tamén se asocian a unha peor mineralización ósea e, non podemos esquecer que nenos e adoslescentes están acadando nesas idades o seu pico máximo de masa ósea, que é fundamental para a súa saúde a longo prazo", sinala. O risco aínda se agrava máis cando estas bebidas se combinan con alcol, algo frecuente en contextos de ocio xuvenil: "O alcol non debe ser consumido por menores tampouco, pero se se mestura con estimulantes, os seus efectos déixanse sentir máis tardiamente, o cal leva a consumos moi abusivos", advirte.
EDUCAR, INFORMAR, LEXISLAR: "É FUNDAMENTAL A EDUCACIÓN E A INFORMACIÓN, DENDE A ESCOLA, PERO TAMÉN CARA AS FAMILIAS"
A doutora subraia así a necesidade de acompañar a nova lei galega con políticas educativas: "É fundamental a educación e a información, dende a escola, pero tamén cara as familias". E é que, como confesa, "moitas veces os propios adultos non teñen un coñecemento exacto do que consumen os seus fillos". Tanto é así que lembra que "estas bebidas véndense xunto aos refrescos, que xa de por si deben consumirse moi ocasionalmente polo seu elevado contido en azucre, pero iso dá maior sensación de inocuidade, cando, en verdade, as bebidas enerxéticas teñen o engadido dos estimulantes". E fai unha advertencia sobre o poder do márketing: "Hai moitísimos anuncios e packagings chamativos sobre bebidas enerxéticas, que tamén se promocionan en eventos deportivos, o que pode confundir aos adolescentes e facerlles crer que estas bebidas lles fan máis fortes ou lles axudan a conseguir obxectivos físicos". "Temos que regular todo isto, porque precisamos un consumos destas bebidas informado e resposable", insiste a doutora.
ALTERNATIVA AO CAFÉ? "ESTAS BEBIDAS VEÑEN EN ENVASES DE GRAN TAMAÑO, POLO QUE, NUNHA LATA ENTEIRA, HAI MOITA MÁIS CAFEÍNA QUE NUN CAFÉ"
Sobre a comparativa habitual entre as bebidas enerxéticas e o café, a doutora Leis aclara: "O café tampouco debe ser consumido por nenos nin adolescentes, porque tamén contén cafeína". Pero, no caso das bebidas enerxéticas, sinala que "o que destaca é que veñen en envases de gran tamaño e, cando consumimos unha enteira, estamos inxerindo moita máis cafeína que cun café, o cal xa é un risco mesmo sendo adultos, canto máis en organismos en desenvolvemento". Ás veces unha soa destas bebidas pode equivaler ao consumo de 5 ou 6 cafés expresos, nunha soa lata: "Doses moi altas para calquera individuo", advirte. E isto agrávase porque os consumidores, especialmente os máis novos, non adoitan ler as etiquetas nin calcular as doses reais. "Se no envase pon que a bebida contén 32 mg de cafeína por 100 ml e ti tomas unha lata de 500 ml, están inxerindo 160 mg, o equivalente a varios cafés concentrados", exemplifica. Iso, nun corpo en desenvolvemento, "ten un impacto fisiolóxico completamente diferente ao que pode ter nun adulto", advirte. Ademais, o exceso de cafeína mesmo pode xerar dependencia, como xa se ten documentado en estudos con adolescentes.
UNHA ESTRATEXIA GLOBAL DE SAÚDE: "ESTA LEI SUPÓN UNHA AUTÉNTICA OPORTUNIDADE PARA MELLORAR A SAÚDE EN XERAL DA POBOACIÓN"
A normativa galega busca moito máis ca unha simple prohibición. Aspira a reforzar a saúde dende a infancia, nun intre clave para construír unha sociedade máis sá e con maior conciencia crítica sobre o que consume. "Benvida sexa esta nova normativa, porque é unha estratexia para promover a saúde dende as idades pediátricas e unha auténtica oportunidade para mellorar a saúde en xeral da poboación", celebra Rosaura Leis. "Na etapa da infancia e adolescencia adquírense hábitos que poden converterse nun seguro de vida para o futuro dos novos mozos e, ademais, hai unha programación metabólica que inflúe moito na saúde adulta", resalta. Galicia lanza así unha mensaxe clara: a saúde dos menores é unha responsabilidade colectiva. E iso implica actuar dende todas as frontes --escolas, familias, medios, institucións...-- para mudar non só o que se vende, senón o que se valora. O benestar das novas xeracións depende de decisións valentes que ás veces non é cómodo adoptar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.