Padrón estudará o modelo de Santiago para "garantir a convivencia entre turismo e habitabilidade"

Anxo Rei e Goretti Sanmartín abordan medidas como a taxa turística, os pisos vacacionais e a declaración de zona tensionada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2025 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O alcalde de Padrón, Anxo Rei, avanzou tras a súa reunión coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que na folla de ruta do municipio está estudar o modelo de Santiago, para avanzar no seu obxectivo de "regular e garantir a convivencia entre turismo e habitabilidade" en Padrón.

En declaracións aos medios de comunicación tras a súa reunión, Sanmartín trasladou que durante a xornada falouse do imposto de estancias turísticas, a regulación dos pisos turísticos, así como sobre os avances na declaración de zona tensionada.

Tamén, avanzou que o concello segue traballando na posibilidade de facer a taxa para excursionistas e implementar cuestións ao redor da vivenda, como o fomento da vivenda protexida, ou mobilizar os inmobles baleiros.

Pola súa banda, Rei agradeceu á mandataria o seu asesoramento e a súa experiencia na xestión da declaración de zona tensionada e tamén na regulación de vivendas de uso turístico e na aplicación da taxa turística.

Ademais, salientou que a pesar de que Padrón "ten unhas dimensións diferentes" ás de Santiago, "comparten unhas características similares". De feito, apuntou que en Padrón "entra moitísima xente a traballar todos os días, pero que non pode vivir no municipio". Ao que se lle suma que "pasan moitos visitantes facendo o Camiño de Santiago".

"Por tanto, temos que ser capaces de equilibrar, digamos, o uso residencial, garantir a calidade de vida e habitabilidade do noso municipio ao mesmo tempo que podemos ofrecer unha experiencia turística de calidade", subliñou.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Padrón,  Anxo Rei
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Padrón, Anxo Rei | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta