CC.OO. crea un protocolo de protección no SAF que inclúe un compromiso de bo trato e un observatorio de violencia

Alejandra Xesto defende que o SAF "merece un plan de perigo porque o risco cero non existe".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2025 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O sindicato CC.OO. do Hábitat elaborou un protocolo de protección integral para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que inclúe como novidades un compromiso de bo trato, que deberán asinar as familias dos usuarios e o concello correspondente, e a creación dun observatorio de violencia no sector. Nunha rolda de prensa este xoves, a secretaria xeral de CC.OO. Hábitat, Alejandra Xesto, presentou os principais puntos do documento, que será entregado á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) tras o recente crime a unha traballadora do SAF no Porriño.

Así, o protocolo establece por "primeira vez un marco común e claro", con aspectos como a avaliación de riscos obrigatorias antes de comezar calquera servizo; traballar en compañía en domicilios con risco; a suspensión inmediata do servizo ante calquera agresión; apoio psicolóxico e xurídico real e efectivo; medidas concretas contra usuarios ou familias agresoras; formación obrigatoria e campañas de sensibilización.

Ademais, incorpora o compromiso de bo trato, para que as "propias familias poñan en valor o traballo profesional das auxiliares" e a creación dun observatorio, que servirá para "monitorar e avanzar cara á dignidade laboral que este sector merece". Non entanto, engadiu Xesto, "este protocolo por si só non chega", polo que solicitou organizar unha mesa de traballo na que participe a Fegamp, os sindicatos, as empresas, os concellos, as asociacións de persoas usuarias e a Xunta, encargada de dirixila. Nesta liña, demandou "máis equipos de valoración na Xunta, máis traballadoras sociais nos concellos, coordinadoras nas empresas, formación consensuada, inspección de traballo, dignidade e prevención, e sobre todo, máis recoñecemento".

"O RISCO CERO NON EXISTE"

"Os problemas do SAF son estruturais, porque sen recursos, sen cambios normativos, sen coordinación real, o protocolo será tan só un parche. Este é un sector feminizado, esencial, precarizado e invisibilizado, que merece un plan de perigo porque o risco cero non existe", subliñou a portavoz do sindicato. Neste contexto, o sindicato trasladou que este xoves se reunirán cos delegados do sector para "escoitar as súas suxestións e complementar o documento", que será enviado á Fegamp como moi tarde "este venres". Tamén na súa intervención, Xesto criticou o Bono Coidado, promocionado polo Goberno galego, e que oferta 416 euros a veciños, amigos ou familiares por "substituír a traballadoras formadas". Aínda que "está ben como complemento, os coidados teñen que ser profesionalizados" salientou.

CC.OO. Hábitat xunto a traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
CC.OO. Hábitat xunto a traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta