O Concello de Barbadás pide á Xunta que asuma a xestión do SAF polos "incumprimentos" da empresa adxudicataria

O alcalde asegurou que a lei obriga á administración autonómica e estatal a financiar o 100 % da atención a domicilio, "algo que non se cumpre en Barbadás", onde o Concello financia o 58,7 % do SAF.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/08/2025 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

O Concello de Barbadás solicitou á Xunta de Galicia que asuma a xestión íntegra do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal ante os "sucesivos incumprimentos" da empresa adxudicataria, Osventos, "que derivaron nun importante detrimento da atención ás persoas vulnerables do municipio". Nun comunicado, o alcalde da localidade, Xosé Carlos Valcárcel, explicou que enviou esta mañá unha carta á Consellería de Política Social e Igualdade para exporlle a "difícil situación" do servizo e a "falta de resposta" da empresa ante os requirimentos municipais. "Queremos dar un bo servizo aos usuarios e, agora mesmo, non é posible", asegurou o rexedor.

"As reiteradas infraccións, as continuas faltas de obediencia aos requirimentos, as innumerables queixas dos usuarios, o prexuízo que están a causar en persoas especialmente vulnerables... Non podemos permitir que isto siga así", insistiu Valcárcel, pedindo á Xunta que asuma a xestión do SAF. Segundo engadiu, na actualidade a empresa non está a cubrir as baixas médicas nin as vacacións do seu persoal, "o que impide atender en condicións adecuadas aos usuarios". O alcalde lembrou que a "mala praxe" de Osventos xa provocou a apertura dun expediente sancionados hai meses de máis de 17.000 euros, que se correspondía coa execución do anterior contrato, xa que a empresa tamén xestionou o servizo entre 2021 e 2024.

O alcalde asegurou que a lei obriga á administración autonómica e estatal a financiar o 100 % da atención a domicilio, "algo que non se cumpre en Barbadás", onde o Concello financia o 58,7 % do SAF, segundo reivindica. "Chegamos a esta situación polo incumprimento flagrante por parte da Xunta e do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 da normativa, o que imposibilita a este Concello a prestación adecuada do servizo", recalcou.

Ancián atendido por un sanitario
Ancián atendido por un sanitario | Fonte: FUNDACIÓN HOSPITAL XERAL DE VALÈNCIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta