Temas: BNG ELECCIóNS

O BNG culpa a Podemos e ao PSdeG da vitoria do PP no 26X

Os nacionalistas admiten que os seus resultados son “malos”, pero anuncia que xa traballan coa vista nas eleccións autonómicas para ser a “chave” na derrota dos populares e abre a porta a pactos con forzas nacionalistas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/06/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A executiva nacional do BNG cualifica de “malos” os resultados electorais que considera “moi insatisfactorios” pero critica que o 26X se converteu “nunha carreira presidencialista cun menú a catro no que Galiza estivo desaparecida pese ao seu esforzo por galeguizar a campaña”. Por iso, responsabilizou a Podemos e ao PSdeG da vitoria do PP.

Ana Pontón e Goretti Sanmartín en rolda de prensa na sede do BNG
Ana Pontón e Goretti Sanmartín en rolda de prensa na sede do BNG

Nunha xuntanza mantida este luns para analizar os resultados, o BNG cualificou de “digna” a súa campaña e considera que o proxecto nacionalista “é máis necesario ca nunca e é preciso consolidar e conseguir que se amplíe”. Por iso, anunciou xa que se puxo a traballar con vista nas eleccións autonómicas co obxectivo de “ser clave” para derrotar ao PP e desaloxar a Feijóo da Xunta.

“Esa é a nosa liña inmediata de traballo coa cabeza posta nas próximas eleccións galegas, que é o que nos ocupa desde este mesmo momento ”, subliñou Goretti Sanmartín que chamou a traballar desde a unidade no proxecto nacionalista que representa o Bloque. “A todas as persoas que sintan Galiza e queiran traballar con nós, coas mans abertas para traballar pola derrota desas políticas da dereita”, dixo.

Sanmartín reiterou que o BNG ten disposición a dialogar “absolutamente con todo o mundo que aposte por afianzar un espazo político construído con forzas que teñan o seu centro de decisión en Galiza”, como se acordou pola militancia na asemblea nacional. Tras o 26X a dereita sae reforzada “e iso é un elemento de gran preocupación que consideramos debería ser un factor de reflexión para o conxunto das forzas que nos situamos na esquerda e no nacionalismo”, indicou.

“O noso empeño é traballar para as eleccións galegas a partir deste momento para conseguir un cambio real no noso país, e nese camiño estamos dispostos a dialogar con todas as forzas e persoas que queiran consolidar un espazo nacionalista”, concluíu.

Importante baixada

O BNG perdeu máis dun terzo dos seus votos nas eleccións deste domingo fronte aos comicios do 20 de decembro -- por entón concorreu como Nós Candidatura Galega e non coas súas siglas --, cun descenso duns 26.000 sufraxios, ao baixar dende 70.863 a preto de 44.900.

De tal forma, dende a súa asemblea fundacional de 1982 en Riazor (A Coruña), tan só nunha ocasión o Bloque recibiu menos apoios, foi nas eleccións xerais 1986, cando obtivo pouco máis de 27.000.

Así mesmo, o peso do BNG cae dende o 4,32% que acadou nas eleccións de decembro do total de papeletas en Galicia ao 2,89 deste domingo, 1,5 puntos menos.

Temas: BNG ELECCIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 24 comentarios

10 Eu mesmo

Cegos, xordos e mellor mudos que dicir burradas. Boa ocasión para erguer un partido nacional galego que fuxa de posicións maximalistas. O exemplo do bo facer témolo en Escocia, non en Albania.

9 Ana

Ana Pontón dimisión! A culpa está dentro da casa, no interior do BNG, no partido guia que situa altos cargos. Asumide a responsabilidade, desenmascaradas as Mareas entregadas a Podemos que perderon moitos votos, tocado e baixando o PSOE até os piores resultados da historia, o único culpable dos resultados do nacionalismo é o BNG. En Catalunha si foron atacados por Podemos, e ERC mellora resultados! O PNV e Bildu, igualmente atacados por Podemos, resisten! Os canarios seguen presentes! Logo non vale a disculpa de mal perdedor: "en chave española ". Repito: Ana Pontón dimisión!

1 per

Calquera que se presentase fracasaría,,o fracaso foi Amio e como os perdedores en Amio non asumiron a sua derrota democratica e logo o seu odio os leva a Podemos pra desprestixiar ao que quedaba do nacionalismo,, penoso

2 Ana

Os "transfugas" e "trepas" de Amio e posteriores perderon credibilidade, perderon apoios, perderon votos... Que parte non entendeches estimado Per? O BNG non os recuperou, seguiu perdendo! Fracasou a UPG! Fracasou Ana Pontón! As disculpas infantis non serven, asumide responsabilidades: dimitindo! A derrotada foi Ana Pontón e proxecto dirixido pola UPG. Non serve para a Galiza do século XXI: Os galegos de nación non o queremos, como tampouco aceitamos as Mareas españolizadas e entregadas a Podemos. Ou imos ao suicidio colectivo? Se hai terceiras o BNG caerá máis, e nas galegas igual ficamos sen representación ou será ridícula. Adiantarse é asumir responsabilidades: dimitindo os responsables e deixando o BNG se ser o couto privado dos arrimados á UPG.

8 xilgaro

Seguro que o culpabel é Xavier Vence

7 bloque

Estou moi orgulloso de ser do BNG. Acerta e trabucase. Pero mantense firme e fiel á Galiza.

6 Serio

Ben, dicía que a campaña non foi mala pero si tivo o erro de sempre: centrada nos sectores de economía primaria. Nestas xa é case folclórico. Todo o respeito para gandeiros e xente do mar pero tres cuartas partes da economía de Galicia xa está en sectores terciarios. Gostei moito de Rodil e Noa pero NON SE PODE estar turrando sempre de mariñeiros, labregos e mocidade máis que nada porque XA NON HAI NIN MARIÑEIROS, NIN LABREGOS NIN MOCIDADE. Cando vexa unha lectura neste sentido, creerei algo das valoracións do buró político.