Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/08/2025 | Actualizada ás 15:38
O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, recalcou a súa aposta pola neutralidade ideolóxica das actividades dos centros educativos. "É a base do pensamento crítico"
"Para nós a neutralidade ideolóxica é fundamental para garantir precisamente a pluralidade ideolóxica, garantir o pluralismo social, garantir os valores básicos, democráticos, universais, que nos permiten organizarnos como sociedade", defendeu o responsable de Educación durante a presentación das novidades do curso escolar 2025/2026.
Así mesmo, salientou que hai que respectar "a todas as persoas", converter os centros en espazos "seguros, respectuosos co diferente", e respectar as liberdades individuais e colectivas dentro dos "grandes valores" que, precisamente, "expón e entende esta neutralidade ideolóxica".
Preguntados polos medios de comunicación acerca dun maior detalle deste concepto, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, ampliou que o obxectivo é que as actividades dos centros "non teñan unha condución nin cara a un sentido nin ao outro". "Se fora doutra maneira o pensamento seria único, o respecto a distintos posicionamentos e ideoloxías fan que exista diversidade de pensamento", remarcou.
Con todo, sinalou que "unha cuestión é tratar un tema e outra é o enfoque que se lle dá". "Non existe ningún tipo de restrición no tratamento de temas", senón que é a maneira en que se presenta información, a información illada ou nesgada non sería neutral", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.