O Goberno aprobará mañá un real decreto para a acollida de menores migrantes

A normativa establece a capacidade ordinaria de cada comunidade autónoma e habilita a continxencia extraordinaria para territorios sobreocupados como Canarias, Ceuta e Melilla.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/08/2025 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O Goberno aprobará este martes en Consello de Ministros un Real Decreto que establecerá a capacidade ordinaria de acollida de menores migrantes non acompañados en cada comunidade autónoma. A normativa permitirá que as comunidades ou cidades autónomas que superen o triplo da súa capacidade ordinaria poidan solicitar a continxencia migratoria extraordinaria, previsiblemente afectando a Canarias, Ceuta e Melilla.

Un grupo de migrantes, entre eles menores pon rumbo á península
Un grupo de migrantes, entre eles menores pon rumbo á península | Fonte: Antonio Sempere - Arquivo

Tras a publicación do Real Decreto no Boletín Oficial do Estado (BOE), os traslados de menores migrantes desde territorios sobreocupados á Península poderán comezar a partir do 28 de agosto. A ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, explicou que a medida inicia unha "dinámica de acollida equilibrada" que se desenvolverá durante un ano, garantindo coordinación e acompañamento profesional para cada menor.

Segundo cálculos do Ministerio, unhas 3.975 persoas menores poderán ser trasladadas, aínda que esta cifra inclúe aqueles que recibirán asilo. As comunidades que máis menores acollerán serán Andalucía (677), Madrid (647) e a Comunidade Valenciana (571), mentres que Cataluña e Euskadi quedan fóra da repartición obrigatoria por contribuír xa en anos anteriores, aínda que Cataluña manterá voluntariamente a súa cifra histórica.

O Real Decreto tamén establece medidas para garantir os dereitos dos menores, incluíndo entrevistas persoais e acompañamento durante os traslados. En caso de negativa das comunidades autónomas a recibir aos menores que lles corresponda, poderase solicitar apoio á Policía e á Fiscalía para asegurar a protección da infancia migrante.

En canto ao financiamento, o Estado destinará 100 millóns de euros ás comunidades autónomas e cubrirá os gastos de acollida durante, como mínimo, os tres primeiros meses. Canarias, Madrid e Andalucía recibirán as maiores cantidades, mentres que Melilla e Cataluña percibirán os importes máis baixos, asegurando que os recursos se axusten á sobreocupación e necesidades de cada territorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta