Empresarios da madeira críticos coa xestión dos lumes: “A extinción é o último, apostamos pola prevención”

O sector empresarial da madeira considera necesario un cambio de rumbo na política forestal en Galicia. Consideran que, sendo unha potencia madereira, a ausencia dun plan de xestión completa do monte é algo sorprendente. Isto supón a perda de oportunidades económicas por falta dunha explotación integral do monte mediante diversos tipos de aproveitamento

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As últimas noticias apuntan a 158.000 hectáreas queimadas en Galicia en vinte días durante a vaga de lumes. A cifra supón un 43% do total da superficie queimada, segundo os datos do Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS, polas súas siglas en inglés) de Copernicus. Desde o sector galego da madeira sinalan non ter cifras exactas da superficie queimada, preocúpaos o alcance que poidan ter todos estes lumes en conxunto ante as perdas económicas tanto en madeira como noutros sectores que involucran tamén o monte (apicultura, gandaría e o gasto en vidas e monetario que leva a extinción do lume). O sector madeireiro tamén vén preocupado desde hai uns meses ante as pragas de nemátodo do piñeiro e a banda marrón, ambas as dúas con incidencia sobre a poboación de piñeiros. Porén, preocupa máis o estado en que quedan os montes despois dos incendios.

Un avión de extinción de incendios de Babcock tenta apagar un lume
Un avión de extinción de incendios de Babcock tenta apagar un lume | Fonte: César Argina - EP

SEN DATOS CUANTIFICADOS
O presidente da Federación empresarial de serras e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga), José Elier Ojea, resalta os 20.000 postos de traballo directos e os 50.000 indirectos que implica a industria da madeira. A isto engade a influencia que terá cando se corte a madeira queimada pois demorarse significa a perda de valor da mesma. En relación a isto, a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo (Lugo Madera) coincide neste punto, pois os propietarios de montes que sexan os últimos en poder cortar perderán un investimento moi importante en diñeiro e tempo ademais de impedir unha recuperación completa das áreas afectadas.

Tamén Lugo Madera recoñece que a día de hoxe aínda non se ten contabilizado o total de madeira produtiva afectada polo lume. Apuntan, iso si, a que hai zonas de piñeiro especialmente danadas na provincia de Ourense. Actualmente estas áreas están en quenda de corta para retirar a madeira afectada. Houbo tamén afectación a zonas de frondosas mais non teñen datos sobre os danos.

En vista desta situación, o que toca é avaliar as áreas queimadas, preparar medidas para a recuperación das mesmas, das vivendas, industrias, granxas e alimentar os animais. E o principal para o sector, haberá que traballar na restauración das áreas queimadas, dunha  maneira ordenada, vixiar as choivas e medidas a adoptar para que non arrastren cinza e residuos cara os acuíferos.

CAMBIO DE MODELO
Elier Ojea ten claro que un cambio da xestión do monte debe implicar variacións no modelo de propiedade pasando do minifundismo a unións de propietarios. A dificultade en canto á propiedade do monte está na superficie de moitas destas terras (entre 400 e 500 metros cadrados de media).

Axentes ambiental da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) .. XUNTA
Axentes ambiental da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) .. XUNTA

Detrás deste modelo hai montes cunhas superficies ínfimas con propietarios descoñecidos ou que os seus herdeiros non saben onde están as fincas. A consecuencia é a falta de limpeza, coidado e aproveitamento do monte elemento este que supón a acumulación de masas forestais ou de monte baixo que, co paso do tempo, se converte en material combustible.

Lugo Madera pola súa parte lembra que Galicia ten unha superficie forestal de 2 millóns de hectáreas, cunha porcentaxe de abandono é altísima. Isto fai perder oportunidades, para o forestal, a agricultura, gandaría e servizos ecosistémicos. Deberíamos ser quen de poñer en funcionamento máis iniciativas para rentabilizar e coidar o noso monte.

Ojea pon como exemplo o sucedido este verán en Francia, “a cuarta potencia madereira de Europa mentres que Galicia é a novena tamén de Europa”. No caso do país galo un incencio queimou 14.000 hectáreas de piñeiros e “en Ourense houbo 60.000 hectáreas arrasadas”. Esta diferenza pon sobre a mesa a necesidade dun modelo de xestión co que o monte poida traballar todo el ao mesmo tempo.

CUESTIÓN POLÍTICA?

En 2017 creouse unha comisión parlamentaria sobre o monte onde se abordaron todos os puntos. A conclusión, sinala Ojea, é que “a extinción debe ser o último recurso”, debido en grande parte ao alto custo dos operativos e a posterior restauración dos espazos queimados.

“Non podemos pensar en políticas forestais a medio prazo” sinala Ojea, tendo en conta que moitos plans son abandonados nada máis un responsable político deixa o cargo. Durante o período de José González como conselleiro de Medio Rural estábase preparando un plan de xestión do monte que, actualmente, permanece parado tras a asunción do cargo por María José Gómez. O monte debe xestionarse a medio e longo prazo.

Lugo Madera apunta tamén que en primeiro lugar o monte debe estar xestionado e non a bravo, isto transformaríao nunha ferramenta moi importante para previr os incendios forestais. Con 2 millóns de hectáreas forestais, Galicia ten unha porcentaxe de abandono altísima, “e polo tanto se perden oportunidades, para o forestal, a agricultura, gandaría, e servizos ecosistémicos”. A solución, polo que deixan entender os empresarios, é a mellora na xestión e posta en valor do monte mediante unificación de propiedades e coidados todo o ano.

Efectivos contraincendios traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal
Efectivos contraincendios traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal | Fonte: Carlos Castro - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta