Galicia regulará por lei o uso da tecnoloxía nas aulas a partir de 2026

A norma permitirá o emprego individual de dispositivos desde 5º de Primaria e prevé un modelo híbrido que combine libro impreso e ferramentas dixitais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/09/2025 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

O Goberno galego prepara unha lei que fixará o uso da tecnoloxía nas aulas a partir do curso 2026. O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, explicou tras o Consello de Goberno que o emprego individual dos dispositivos permitiráse desde 5º de Primaria, mentres que en Infantil e ata 4º será de carácter colectivo.

Arquivo - Alumnos sentados na súa aula. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Alumnos sentados na súa aula. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o obxectivo é remitir a lei ao Parlamento no outono para que entre en vigor o próximo ano. A norma pretende consolidar un modelo educativo híbrido, que combine o libro impreso co uso das novas tecnoloxías, substituíndo o actual sistema, no que cada centro decide como empregalas.

Segundo lembrou Rodríguez, o proceso de elaboración da futura Lei de Educación Dixital de Galicia arrincou en febreiro e xa recibiu unhas 600 achegas na fase de consulta previa. Agora abrirase un novo período de participación para recoller propostas sobre o uso das ferramentas dixitais en cada etapa e garantir un aproveitamento axeitado ás idades. O obxectivo, resumiu, é “maximizar os beneficios da tecnoloxía e minimizar os posibles riscos”.

O conselleiro subliñou que a lei servirá para regular con coherencia e visión de futuro os dereitos e deberes de alumnado, profesorado, centros e familias. Ademais, iniciarase un calendario de reunións con distintos colectivos da comunidade educativa e organizaranse sesións específicas para informar ás familias e orientalas sobre o uso formativo dos dispositivos dixitais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta