Os sindicatos non asistirán á reunión do 4 de setembro sobre o Estatuto Marco

Reclaman retomar a negociación o 16 de setembro cun novo texto que inclúa as alegacións das comunidades autónomas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/09/2025 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

As organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (SATSE-FSES, FSS-CCOO, UXT, CSIF e CIG-Saúde) anunciaron que non acudirán á reunión convocada polo Ministerio de Sanidade este xoves para abordar o Estatuto Marco. Os sindicatos insisten en que a negociación debe continuar a partir do 16 de setembro e en base a un novo texto do anteproxecto de lei que inclúa as alegacións realizadas polas comunidades autónomas.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en rolda de prensa.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en rolda de prensa.. XUNTA

Segundo fontes sindicais, seguirán a folla de ruta establecida antes do parón de verán, solicitando que Sanidade lles remita o novo texto tras a reunión coas comunidades autónomas, co obxectivo de poder formular as súas alegacións antes de retomar a negociación. Destacan que a reunión do 4 de setembro é inadecuada sen contar previamente con esta versión actualizada.

O calendario pactado o pasado 29 de xullo establecía até cinco reunións na segunda quincena de setembro para tratar cuestións como o novo modelo de clasificación profesional e a xubilación voluntaria, anticipada ou parcial. Os sindicatos subliñan que o último texto remitido sobre estas materias foi rexeitado por todas as organizacións presentes na mesa de negociación.

As organizacións lamentan o cambio de criterio do Ministerio respecto ao calendario e denuncian falta de consideración ao seu traballo interno. Non obstante, reiteran a súa disposición a seguir negociando para esgotar todas as vías posibles e acadar un acordo que satisfaga os intereses do persoal estatutario do SNS, insistindo na necesidade de cumprir o calendario previamente acordado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta