Fran Lorenzo, de traballar en multinacionais a percorrer o rural en moto: "É un convite a redescubrir a esencia da vida"

Galicia Nómada é un proxecto audiovisual creado por Fran Lorenzo que, tras deixar atrás 30 anos en vendas, reinventouse coma creador de contido. Improvisación, liberdade e conexión marcan o rumbo dos seus vídeos, que amosan a identidade galega dende outra perspectiva: subido a unha moto.

Por Ángela Precedo | LUGO | 27/09/2025 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Nun mundo cada vez máis acelerado, onde a inmediatez marca os ritmos e as pantallas median entre as persoas e as paisaxes, hai quen deciden dar un paso atrás para reconectar. Fran Lorenzo é un deles. Despois de máis de tres décadas traballando en multinacionais na área de vendas, cunha carreira estable e aparentemente segura, tomou unha decisión radical: deixalo todo e emprender un camiño novo, guiado pola búsqueda de autenticidade, propósito e conexión. Así naceu Galicia Nómada, un proxecto que fusiona a paixón polas motos coa alma cultural, natural e humana de Galicia. "Atopábame nun proceso de reinvención, quería adicar os seguintes anos a algo que me fixese sentir pleno cada día, que me enchese e tivese propósito", explica.

Fran Lorenzo coa súa moto
Fran Lorenzo coa súa moto | Fonte: Galicia Nómada

A chispa saltou nunha viaxe en moto pola Ribeira Sacra: "Díxenme: ostras, igual podía facer disto un proxecto". "Primeiro tomeino coma un hobby, pero logo o camiño foime amosando que podía converterse nunha empresa". A idea non era nova nel. De neno, lembra ter pasado horas sentado sobre unha moto gris do seu tío, fantaseando con viaxes imposibles. "Tiña 7 ou 8 anos e xa soñaba con isto, e, agora, 40 anos despois, estou facendo algo que quizáis xa estaba desexando naquel intre", di, coa ilusión aínda intacta na súa voz. Fran é un bo exemplo de que non hai que abandonar os soños que temos de pequenos.

VIAXAR EN MOTO COMO METÁFORA DE VIDA

Para Fran, a moto non é só un vehículo: é un xeito de entender a viaxe e a vida. "Encántame conducir o coche, pero na moto síntome máis conectado comigo mesmo e co que estou vivindo", conta. Para el, "é unha maneira de viaxar máis consciente, máis presente, onde me permito parar se vexo unha paisaxe que me gusta ou determe nunha vila para falar con alguén". "A miña maneira de conducir é relaxada, improvisada", explica, e engade que "é na moto onde realmente estou só cos meus pensamentos e comigo mesmo". Ese enfoque refléxase tamén nos contidos de Galicia Nómada. Aínda que hoxe o proxecto está tomando forma de empresa, a súa esencia sigue sendo a improvisación e a autenticidade.

"Cando vou gravar, moitas veces non planifico nada, déixome levar, porque quero que o meu proxecto sexa o reflexo real da miña viaxe, de como eu a vivo", explica Fran. Esa frescura convértese no fío condutor dos episodios, que mesturan rutas por estradas secundarias con conversacións espontáneas con artesáns, veciños ou viaxeiros que atopa polo camiño. Fran resúmeo con claridade: "A moto é un branding, unha estética, pero o importante son os lugares e as persoas, porque gustaríame que a xente maior poida deixar plasmadas no meu proxecto historias que, do contrario, van morrer". "Iso é o que máis me emociona", confesa. Unha señora de 90 anos en Ribeira de Piquín, que recollía castañas soa, é unha desas lembranzas que o marcaron: "Conectar emocionalmente coas persoas é importante, esas cousas quedan gravadas en min para sempre".

Fran Lorenzo coa súa moto
Fran Lorenzo coa súa moto | Fonte: Galicia Nómada

GALICIA COMO HORIZONTE

A xeografía das súas rutas non é casual. Fran é de Lugo, e dende alí comezou a trazar o seu mapa audiovisual. Ancares foi o primeiro episodio que se emitiu a través de MotoADV, unha canle temática de televisión especializada en aventuras sobre dúas rodas. Despois viñeron a Costa da Morte, Fisterra, a Ribeira Sacra, os Pendellos de Agolada ou a Serra de Meira. "Para min en Galicia non hai lugares nin máis nin menos importantes, todos teñen o seu encanto", asegura. "O que busco é amosar recunchos que non adoitan aparecer nos mapas turísticos, que están un pouco esquecidos", explica. E ese é o corazón da proposta de Galicia Nómada:

  • Exploración auténtica, ensinando unha Galicia que latexa nas aldeas e se revela nas estradas secundarias.
  • Conexión emocional, a través de historias que inspiran e transforman.
  • Calidade visual e narrativa, cun coidado especial pola estética e a experiencia inmersiva.

Fran defíneo coma unha ponte entre cultura e aventura, un movemento que "máis que percorrer camiños, constrúe pontes entre persoas, cultural e emocións". E séntese orgulloso de poder amosar Galicia dentro e fóra das súas fronteiras: "Non me considero embaixador de Galicia como tal, pero si que é unha maneira de amosar o que temos aquí e que alguén de Granada ou de Latinoamérica o vexa na televisión e se anime a vir, iso emocióname moito".

UN PROXECTO EN EXPANSIÓN

O alcance dos seus vídeos non é menor. Galicia Nómada conta cunha comunidade en crecemento --máis de 19.000 seguidores sumando todas as redes sociais-- e un calendario audiovisual que inclúe a emisión de nova capítulos no 2025. En paralelo, Fran comparte publicacións semanais en Instagram, YouTube e outras plataformas, recicla contido e alimenta un videopodcast con proxectos moteiros. "Falei coa TVG e con varias produtoras para estudar a viabilidade de emitir dez episodios, e tamén con sponsors, porque ata agora fágoo todo eu e encantaríame levar equipo e dar máis calidade", sinala. E é que, tal e como afirma, "Galicia está aí, as historias están aí, e se as amosamos fóra o impacto pode ser moi grande". Así, o seu obxectivo a cinco anos vista é claro: consolidarse coma un referente ao que a xente agarde ver para descubrir novas rutas e relatos.

Neste camiño, cada episodio é tamén un espello vital. A posta de sol de Fisterra ou dos Ancares, que pecha algúns capítulos, simboliza para el tanto a final dunha viaxe como o sentido da súa propia traxectoria. "Cando remato de editar e o vexo, estou vivindo de novo o que sentín ao gravalo, é unha metáfora de como eu entendo a vida", expresa Fran. E, máis aló de cifras e audiencias, insiste na dimensión humana do seu proxecto. A súa experiencia de vida, que o levou dos despachos de grandes multinacionais ás estradas secundarias de Galicia, sérvelle hoxe para inspirar a outros: "O meu camiño é un convite a explorar, a conectar e a redescubrir a esencia da vida a través do que facemos". Esa é, á fin e ao cabo, a esencia de Galicia Nómada: unha viaxe que combina liberdade, identidade e emoción; unha fiestra aberta a un territorio que aínda garda segredos e un recordatorio de que, en tempos de présa, deterse a escoitar a unha anciá recollendo castañas pode ser tan revelador coma contemplar unha posta de sol infinita.

Fran Lorenzo coa súa moto
Fran Lorenzo coa súa moto | Fonte: Galicia Nómada
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta