A Xunta de Galicia elimina o pago previo de taxas para afectados polos lumes

A medida, que entra en vigor este martes, busca aliviar a carga económica das persoas afectadas polos incendios deste verán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2025 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicará este martes, 23 de setembro, unha orde pola que os afectados polos incendios non terán que adiantar taxas na tramitación de procedementos. A medida, vinculada ás vantaxes fiscais que se aprobarán na futura lei de medidas, pretende aliviar a carga económica derivada das actuacións dos particulares tras os lumes deste verán.

Zonas calcinadas polo incendio de Pontón durante a realización de labores de extinción do incendio de Pantón, a 22 de setembro de 2025, en Pantón, Lugo (España). O incendio declarado o pasado xoves no municipio lucense de Pantón segue activo,. Carlos Castro - Europa Press
Zonas calcinadas polo incendio de Pontón durante a realización de labores de extinción do incendio de Pantón, a 22 de setembro de 2025, en Pantón, Lugo (España). O incendio declarado o pasado xoves no municipio lucense de Pantón segue activo,. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

A orde establece a ampliación do prazo de pagamento das taxas ata o 5 de xaneiro de 2026, aplicable ás persoas con domicilio fiscal, instalacións ou negocios nos concellos afectados. Así, poderán recibir a prestación do servizo sen realizar o pago previo e sen ter que solicitar posteriormente a devolución dos importes ingresados. O modelo de autoliquidación especial estará dispoñible na Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Atriga.

Ademais de ampliar prazos para presentación de declaracións e documentación, a futura lei de medidas fiscais incluirá outras vantaxes, como a redución do canon da auga usado para a extinción de incendios e medidas fiscais específicas para aliviar a carga derivada dos procedementos vinculados aos lumes. A Xunta tamén solicitou apoio ao Ministerio de Facenda para que os afectados non teñan que asumir soas esta carga fiscal.

Paralelamente, o Goberno galego asinará un convenio co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para promover a vixilancia e conservación de soutos de castiñeiros e masas de frondosas autóctonas. O programa, cun orzamento de 181.000 euros, permanecerá activo ata 2027 e seguirá contando coa participación do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós na loita contra as enfermidades do castiñeiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta