Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2025 | Actualizada ás 18:52
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña denuncia que o Instituto Social da Mariña (ISM) deixa consultorios locais sen asistencia sanitaria na provincia. Nun comunicado, relata que "nos últimos anos varias das consultas do Instituto Social da Mariña situadas ao longo do litoral da provincia da Coruña están a sufrir problemas de falta de atención derivados de non poder contar con persoal sanitario, médicos/as e enfermeiros/as". Censura que esta falta de atención xera un "gran inconvinte" no sector, sobre todo á hora de ter que pasar os preceptivos recoñecementos médicos, xa que sen estes non poden realizar o seu traballo ao ser obrigatorios.
Os mariñeiros e mariscadores desprázanse a aqueles consultorios que quedan máis preto da súa residencia ou porto de traballo para minimizar gastos e tempo, posto que "pasar un recoñecemento médico significa, na maioría dos casos, perder dous día de traballo". "Se desaparecen ou están mal atendidos algún destes consultorios aumentan a distancia de desprazamento e o tempo perdido, por non falar que os pacientes se concentran noutros centros, o que aumenta as listas de espera para poder ser atendidos", explican, ademais de que eses recoñecementos "caducan". A pesar de que valora o reforzo nos consultorios máis grandes, como na Coruña e Ferrol, advirte dos problemas que se viven noutros como o de Muros, "un dos casos máis sanguentos", que tamén dá cobertura a municipios próximos (Carnota, Outes, Lousame e Noia). E é que a xubilación de persoal sanitario deixa sen servizo a este centro, alertan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.