Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/10/2025 | Actualizada ás 22:00
En Galicia, o eucalipto ocupa unhas 419.051 hectáreas segundo o Inventario Forestal Continuo do ano 2023, das que arredor do 80 % corresponden a 'Eucalyptus globulus' --nas franxas costeiras atlánticas-- e o resto a 'Eucalyptus nitens' --no interior--. Dado que Galicia ten 29.574 quilómetros cadrados (2,96 millóns de hectáreas), isto supón que aproximadamente o 14,2 % do territorio está ocupado por eucaliptos, representando esta especie case o 25% da superficie forestal arbolada da comunidade.
A súa presenza aumentou de forma constante nas últimas décadas: se comparamos os datos actuais cos do IV Inventario Forestal Nacional (2009-2011), cando se contabilizaban arredor de 325.000 hectáreas, o crecemeto é dun 28,8 % en pouco máis dunha década, malia a moratoria e as medidas de contención. En Portugal, o eucalipto alcanza aproximadamente as 844.000 hectáreas, segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN6-ICNF) sobre un país con 92.212 quilómetros cadrados (9,22 millóns de hectáreas), o que equivale a unha ocupación de arredor dun 9,1 % do total do territorio e o 26 % da sup erficie forestal nacional. É dicir: Portugal suma máis superficie absoluta e é o país europeo con maior superficie total de eucalipto no seu territorio, si, pero en Galicia a proporción sobre o territorio é maior, cunha densidade moito máis elevada. En concreto, a proporción de eucaliptos sobre o total do territorio é un 55 % maior en Galicia que en Portugal, o que converte á nosa terra nun dos territorios máis saturados de eucaliptos de Europa.
Ademais, a fragmentación do minifundio fai que moitas desas hectáreas estean repartidas en miles de pequenas parcelas, o que dificulta a plafinicación e o control efectivo das políticas forestais. Nas provincias atlánticas (A Coruña, Pontevedra e norte de Lugo) predomina o 'Eucalyptus globulus', máis valorado polas pasteiras. No interior (sur de Lugo e Ourense), esténdese o 'Eucalyptus nitens', máis resistente ao frío pero con menor rendemento en fibra. Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, máis do 60 % das novas plantacións ilegais detectadas entre 2020 e 2023 producíronse en zonas do interior, onde o nitens coloniza antigas terras agrícolas e pastos. Este desequilibrio territorial supón que Galicia non só concentra máis eucalipto proporcionalmente, senón que o fai en ecosistemas máis diversos e sensibles, substituíndo pradeiras, carballeiras e piñeirais. E, ao ter un territorio moito máis pequeno ca Portugal, o impacto paisaxístico e ambiental é moito máis visible e profundo.
CAMBIOS NA MORATORIA
E, ante esta situación, por que a Xunta decidiu cambiar a política de control do eucalipto que tiña ata agora?. Aínda que mantén a moratoria de prantar en calquera parte do territorio galego ata 2030, o certo é que as restricións introducidas nesta moratoria fan que esta especie de rápido crecemento, pero tamén gasolina para os incendios forestais, poida aumentar exponencialmente en boa parte do territorio.
Os dous supostos polos que se poderá plantar esta especie son para substituír masas degradadas e substituír piñeiros afectados pola zona marrón. Dous puntos que supoñen que o eucalipto poida ser reprantado en zonas degradas ou onde conviva con carballos e castiñeiros e tamén substituir ao piñeiro afectado por este fungo da mancha marrón. Unha decisión que abre a posibilidade de repoboar con eucaliptos miles de hectáreas. A decisión chega, ademais, en plena polémica pola fábrica de Altri en Palas de Rei, e con parte do sector forestal en contra.
Esta mesma semana, a Fundación Arume, que aglutina a cadea de valor da madeira, insistiu na necesidade de prolongar a prohibición "co obxectivo de garantir unha planificación territorial sustentable e coherente coa estratexia do Plan Forestal de Galicia".
Lembraban á Xunta que, cando se estableceu a actual moratoria no ano 2021, un dos obxectivos recoñecidos polo Goberno galego era cumprir cunha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040: o de rebaixar nun 5% a superficie de eucalipto no horizonte do 2040, o que implicaría reducir a súa presenza nunhas 20.000 hectáreas. En cambio, os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) de 2023 xa arroxaban un aumento da superficie das plantacións de eucalipto: a superficie cuberta por esta especie ocupa 419.051 hectáreas , o que se traduce nun aumento respecto ao ano 2022 do 1,4%, 6.000 hectáreas máis. Coas novas restricións, a superficie aumentaría significativamente, entre as 30.000 hectáreas e as 50.000 segundo as fontes consultadas.
NON SE FALOU CO SECTOR
Tamén Antonio Rigueiro, presidente da Asociación Forestal de Galicia. alertaba en declaracións a Galicia Confidencial, desta situación. "A verdade é que a Consellería non falou con nós deste tema nos últimos meses e tampouco temos noticias de que o fixera con outros grupos do sector", insistía.
Dende a Asociación Forestal de Galicia mantivéronse nos últimos meses reunións co Clúster da Madeira, Fearmaga, Lugo Madeira ou Asefoga. "Comentamos que a nosa posición é que se prorrogue durante un tempo a moratoria, non indefinidamente, senón ata que se poida elaborar un regulamento en relación ás plantacións de eucalipto", resumía Rigueiro. Para el, é evidente que un regulamento ordenado faría innecesaria a moratoria. Non obstante, non todos coinciden.
Rigueiro non idealiza tampouco a moratoria, pois recoñece as súas limitacións: "Algo fixo, pero tampouco foi efectiva ao 100 %". Houbo plantacións ilegais en lugares nos que non se podían facer, aínda que a intensidade da febre previa desaparecese. "Aquela febre que había antes da moratoria de plantar eucalipto, mesmo de cortar piñeiros que non estaban maduros para substituílos por eucaliptos, foi a menos", explicaba. Con todo, esa posibilidade agora gaña enteiros, xa que os propietarios poderán cortar piñeiros afectados pola zona marrón para plantar eucaliptos. .
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Pouco despois de coñecerse o anuncio, a deputada do BNG Montse Valcárcel tachou de "despropósito" o que cualificou como "pseudomoratoria" do eucalipto anunciada pola Consellería do Medio Rural, que se estende ata o ano 2030, pero que inclúe dous supostos polos que se poderá plantar esta especie: substituír masas degradadas e substituír piñeiros afectados pola zona marrón.
Para a nacionalista, ou ben "non se entendeu nada a problemática forestal que existe" en Galicia ou "non se quere entender, directamente". "O único que se vai a conseguir é que onde non había eucalipto e había piñeiros, ao non resolver o problema que había coas pragas nas zonas das bandas vermellas e marróns, vainos a levar a que directamente, incentivados pola Consellería, se plante eucalipto", reprochou Valcárcel.
MADEIRA PARA AS GRANDES INDUSTRIAS
A nova moratoria da Xunta, coas súas excecións, chega en pleno debate sobre a megacelulosa de Altri, apoiada polo propio Goberno galego. Un proxecto dunha industria portuguesa que tamén se quere aproveitar da madeira galega. De feito, as fábricas lusas de celulosa consomen máis madeira da que producen os seus montes. Galicia cobre ese déficit, converténdose nunha despensa forestal que abastece o corazón i ndustrial de Navigator e Altri.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.