Nova división no PSdeG pola elección do candidato ao Senado

A xestora do PSdeG impón o seu candidato, Modesto Pose, á maioría do grupo, que quería que fora José Luis Méndez Romeu. Os críticos coa decisión tachan de "pouco democrática" a actitude da dirección parlamentaria, ao non someter a votación as propostas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/07/2016 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Novo lío interno no PsdeG, cando aínda non se pechou o das primarias. A xestora do PSdeG, co aval de Ferraz, impuxo o seu candidato a senador por designación autonómica á maioría do grupo parlamentario socialista, que promoveu a candidatura do deputado José Luís Méndez Romeu. Deste xeito, o ex voceiro parlamentario socialista, que xa perdeu fronte a Xoaquín Fernández Leiceaga nas primarias internas para elixir candidato á Xunta, volve ser motivo de enfrontamento.

Leiceaga rodeado de Pilar Cancela, Patricia Vilán e Gonzalo Caballero, entre outros cargos socialistas
Leiceaga rodeado de Pilar Cancela, Patricia Vilán e Gonzalo Caballero, entre outros cargos socialistas | Fonte: EP

A proposta foi introducida ás 12,36 horas, segundo figura no Rexistro parlamentario consultado por Europa Press, sen que finalizase a reunión extraordinaria convocada para abordar esta cuestión (que se prolongou até apenas uns minutos antes das 14,00 horas).

O documento leva a firma da portavoz parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, quen, precisamente, asumiu a dirección do grupo despois de que Méndez Romeu renunciase a seguir nese posto tras o resultado da votación da militancia.

Dos 18 deputados do grupo, un total de 13 apostaban por Méndez Romeu como proposta para senador por designación autonómica, unha maioría que xa no seu día defendeu a candidatura do coruñés fronte á de Leiceaga no proceso interno. O que foi portavoz parlamentario non quixo facer declaracións aos medios sobre a súa candidatura, que foi defendida por, entre outros, a deputada Carmen Gallego.

"Teño que dicir que, despois de escoitar todos os argumentos que fixemos unha maioría abafadora do grupo, lamentablemente, nun xesto claramente pouco democrático, a dirección levantouse da reunión e impediu que houbese unha votación que, insisto, se se deu, resultaría que 13 dos 18 deputados estabamos a favor da proposta de Méndez Romeu", esgrimiu Gallego.

Méndez Romeu nun acto con mulleres do seu partido, entre elas, Carmela Silva, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Laura Seara
Méndez Romeu nun acto con mulleres do seu partido, entre elas, Carmela Silva, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Laura Seara | Fonte: EP

A deputada socialista que falou en nome dos críticos, e que en todo caso asegurou que o grupo "seguirá unido" traballando, defendeu que o exportavoz parlamentario "representa ao 45 por cento dos militantes do PSOE en Galicia" e foi "avalado por máis de 3.000 votos de militantes, e por tanto, un respaldo moi importante detrás do partido".

Así mesmo, subliñou que "esta proposta o único que pretendía era trasladar esa imaxe de unidade, cohesión e integración da que se encheron a boca ao falar na noite das primarias tanto o candidato á Xunta de Galicia como a presidenta da xestora". "Sabemos agora que as palabras de unidade interna quedaron en só iso, palabras, porque entendiamos que este era o xesto que podía dar esa cohesión ao partido, tan necesaria, para afrontar un proceso electoral tan complicado para nós como son as próximas eleccións autonómicas", resolveu.

TENSA REUNIÓN CON PROTESTA SONORA

A primeira en chegar á sala de reunións, preto das 12,00 horas, foi a portavoz parlamanetaria, Patricia Vilán, mentres que Méndez Romeu fíxoo dez minutos despois, do mediodía, con atraso sobre a hora prevista pola dirección de grupo, e escoltado por varios dos deputados que o apoian.

Tamén a portavoz socialista foi a primeira en deixar a sala entre as protestas dos deputados que están en contra da decisión da dirección do grupo, cuxos berros se podían escoitar a través da porta da sala na que se celebrou o encontro, no Pazo do Hórreo. O sonoro descontento debeuse, segundo explicaron á súa saída os críticos coa decisión, a que Vilán deu por finalizada a reunión sen someter o nome dos candidatos a votación, como pedía a maioría do grupo, o nome do candidato.

Con todo, a dirección do PSdeG, en situación transitoria desde a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro polo seu dez imputacións en diferentes causas xudiciais que leva a xuíza Pilar de Lara, é, segundo as explicacións ofrecidas por Patricia Vilán, a que ten a competencia para propor os nomes para cargos institucionais, como é este caso.

Xa en decembro elixiuse o nome de Modesto Pouse Mesura para ocupar este posto e, xa entón, non contou co respaldo de todos os deputados das bancadas socialistas. Polo menos cinco non o apoiaron.

REUNIÓN INFORMATIVA

En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento tras a reunión de case dúas horas, a portavoz parlamentaria insistiu en que se tratou dunha reunión "informativa" e de carácter "extraordinaria" para comunicar "ao grupo a decisión da comisión xestora" e que, por tanto, non era necesario tela antes de rexistrar o nome. "Trasladamos a información a decisión de nomeamento de Modesto Pose", aseverou.

Así mesmo, apuntou, como esgrimiu na reunión, contan cun "informe" emitido pola executiva federal do PSOE no que se recollía que "os órganos competentes" para decidir este tipo de cuestións son os do partido (e non o grupo).

Vilán reivindicou que, aínda que non era obrigado, abriuse un "diálogo" para que todos puidesen emitir as súas opinións e no que todos os deputados puideron expresar a súa opinión e que, foi despois dese momento, cando se pechou" a reunión, o que causou o enfado dos deputados críticos coa dirección.

Sobre a votación pedida polos críticos coa dirección, Patricia Vilán explicou que a orde do día da reunión "vén marcado" polo portavoz do grupo parlamenatario e "non é posible cambialo" en sesións extraordinaria, á marxe de que, argumentou, este foro "non é o órgano competente para facer propostas de cargos institucionais".

Con todo, Gallego subliñou que os 13 deputados que discrepan coa decisión pediran unha reunión extraordinaria para as 13,00 horas deste xoves, na que se pedía a votación, e que, a pesar diso, convocóuselles ás 12,00 e coa orde do día prefizado pola portavoz. A única que non estivo presente, por unha cuestión médica, foi Marian Ferreiro, pero tamén apoiou esta postura, segundo trasladou a exconselleira de Pesca no goberno presidido por Emilio Pérez Touriño.

REXISTRO CON ANTELACIÓN

Cando tomaron coñecemento de que o rexistro fora ás 12,36 deste xoves, no transcurso da reunión, os críticos mostráronse visiblemente molestos ante os medios de comunicación, forma na que dixeron que se decataron.

Carmen Gallego, que puxo voz aos críticos, manifestou que "isto di todo". "E ratifica unha vez máis que estamos ante unha dirección do grupo parlamentario que ten un talante pouco democrático e que está secuestrada por unha comisión xestora que non ten a lexitimidade que ten que ter para dirixir un partido tan importante para Galicia como é o PSOE", salientou.

Pola súa banda, Patricia Vilán dixo que se rexistrou "antes de abrir ese diálogo que se estableceu" para que cada un dixese "o que opinaba". "Non só a reunión foi moi longa, senón que houbo multitude de cuestións que non teñen que ver coa actividade parlamentaria nin coa designación de senador; falamos de moitas cousas que, de feito, manifestei que estaba ben porque, ás veces, é necesaria unha catarse", agregou, antes de incidir en que se rexistrou cando se fixo a comunicación do mandato da xestora".

Patricia Vilán, voceira parlamentaria do PSdeG
Patricia Vilán, voceira parlamentaria do PSdeG | Fonte: PSdeG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Nerón

Canceliña, estaste lucindo!! Pobre PSdeG!! Unha presidenta que ven do PP fraguiano e un candidato do BNG.

2 Ideaza

Que poñan ao pacovazquista podemita Buitrón e todos contentos

1 Gamela

Buitrón outro que tal baila... viña do PSOE e seica en Podemos tiña pensado retirarse no Senado cobrando unha xubilación fantástica pero saiulle o tiro pola culata ! Alégrome moito de que perdera o escaño logo da súas maquiavélicas manobras para tirar fóra a Rioboo... Todos andan coma lobos buscando VIVIR do CONTO !!! http://gamela00.blogspot.com.es/201...

1 Gamela

E logo falan de que Podemos busca SILLÓNS !!! Xa está ben... a vaquiña polo que vale! Xarróns Chineses Non Grazas ! http://cotarelo.blogspot.com.es/201...