Precisamos o partido nacional

O mérito do “Manifesto de Vidán”, asinado por persoas do prestixio e valía de Xavier Vence- antigo portavoz do BNG- Carme Adán, Ana Luisa Bouza, Ana Rúa, Ana Miranda, Alba Nogueira, os antigos alcaldes de Sada e Boiro Abel L. Soto e Xosé Deira, Xabier Toba ou o alcalde con maioría absoluta de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, está en diagnosticar a fin do ciclo do BNG, proclamar a necesidade dun novo partido galeguista de vocación maioritaria e distinguir este obxectivo a medio prazo do obxectivo a curto prazo de construir unha maioría alternativa a Feijóo.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 10/07/2016

Comparte esta noticia

Porén, non pode substraerse a unha certa-e quizais non consciente-pulsión de refundar o BNG para dirixir En Marea. Ou, dito doutro xeito, de facer nacer o Partido Nacional que Galicia precisa demasiado vencellado ao obxectivo estratéxico de lle dar o relevo ao PP en tres meses e demasiado dependente dun traballo de patchwork que nun 80 ou 90% recollería antigos afiliados ao BNG no 2011, no canto de sentar os alicerces deste Partido dende a base cidadá e dende o protagonismo de novos perfís, tamén entre profesionais, líderes sociais e xente nova.

Claro é que o coñecemento, a experiencia e o capital político do conxunto dos adherentes-canda os recentemente adheridos ao Foro Galego e tantas outras persoas adheridas ás distintas Mareas locais- será fulcral para posibilitar ese relevo nas eleccións nacionais galegas do outono. E para fornecer de cadros capaces a un futuro goberno de coalición que substitúa ao do PP. Porque nin para empoderar esta alternativa nin para mantela no vindeiro cuatrienio a cidadanía vai admitir o discurso das xeneralidades e dos lugares comúns, senón que esixirá moita e boa xestión transformadora.

De calquera xeito, a construción do Partido Nacional trascende ás eleccións do outono. Mais, se a substitución de Feijóo non se acada, este proceso vai requirir dun reprantexamento xeral e, moi probábelmente, doutras orientacións, no horizonte das eleccións locais do 2019. Neste suposto-dende logo ben negativo- o obxectivo estratéxico a medio prazo non pode ficar arrombado. E a liña estratéxica adoptada por Compromiso (CXG) terá moito que dicir.

Construir o Partido Nacional requirirá de moita intelixencia, nos seus destilados de xenerosidade, paciencia, sentidiño e relegamento dos personalismos. E de se abrir ao País real, a esas ducias de milleiros de persoas que, sen ser nacionalistas, teñen a Galicia como referente.    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.