Nace 'Cómaros', unha nova revista interdisciplinar de pensamento galego

A publicación, impulsada dende a Universidade de Vigo, acolle textos científicos de corte académico e ensaios de interese para a cultura galega.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 19/07/2016 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Un cómaro é unha pequena elevación do terreo, unha lomba ou outeiro, desde a que é posible ollar o horizonte. Por este significado e por ser un elemento característico da paisaxe galega, é tamén o nome escollido polos promotores da nova revista interdisciplinar de pensamento galego Cómaros. A publicación, electrónica e de periodicidade anual, nace para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego” apostando, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios centrados en temáticas relacionadas con Galicia, informa Rosa Tedín.

Revista 'Cómaros'
Revista 'Cómaros' | Fonte: UVigo.

A dirección de Cómaros. Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego, corre a cargo de David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, e de Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidade de Valladolid e “un galego no exilio académico”, tal e como destaca del Casado. A publicación conta ademais cun comité editorial e un comité científico que agrupa a persoas espalladas por un amplo abano de institucións educativas e de pensamento tanto galegas como foráneas. 

As persoas que forman parte deste proxecto editorial, explican os seus promotores, queren seguir “o camiño establecido por pensadores galegos como Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco, Concepción Arena, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Esperanza Guisán, Castelao, Frei Martín Sarmiento, Xoan Rof Carballo ou Álvaro Cunqueiro”. Deste xeito, a publicación nace ante a convición de que “o pensamento galego é importante e ten un grande interese para o mundo en xeral”. “Cómaros é unha revista de pensamento non tanto científico-académico senón un pouco máis aberta, xurdida coa idea de volver a potenciar o ensaio en galego e sobre Galicia ante a diminución drástica deste tipo de publicacións nos últimos anos”, sinala David Casado. A iniciativa tamén aspira a ser, engade o docente, “un espazo virtual no que a diáspora académica teña un espazo no que afondar nos temas referidos a Galicia”

ARTIGOS CIENTÍFICOS E ENSAIOS

Cómaros é unha publicación na que teñen cabida textos de socioloxía, historia, filosofía, xeografía, cultura, poetoloxía, etc. As prioridades do proxecto teñen que ver “coa análise de Galicia, co seu pensamento e coa reflexión sólida”, dándolle prioridade “aos traballos que poñan en diálogo a autores, pensamentos e realidades de Galicia con outros autores, realidades e pensamentos internacionais”. Así, por unha banda a publicación acolle textos científicos de corte académico, que teñen que cumprir os requisitos internacionais habituais, e por outra banda ensaios de interese para a cultura galega. Sobre este último xénero apuntan que “consideramos que o noso espírito é o de autores tan senlleiros coma don Ramón Otero Pedrayo ou don Vicente Risco”, que “amosaron que é posible facer pensamento mantendo un alto grao de lirismo. Por iso, este aspecto imos tentar coidalo”, explican os seus impulsores.

Este deseño xa se reflicte no seu primeiro número. Nel inclúense dous artigos científicos. O primeiro deles é do propio Juan R. Coca que, baixo o título 'Principiando unha epistemoloxía galega con rostro socio-cultural. Camiñando con Otero Pedrayo, Manuel María e outros autores actuais', aborda unha epistemoloxía galega. O segundo é de Joaquim Ventura Ruiz, titulado 'Galeguismo e catolicismo: Vicente Risco en Euzkadi (1930-1933)', no que afonda nas colaboracións de Risco no xornal do PNV Euzkadi, no que deixou plasmada a súa opinión sobre a situación do catolicismo e a súa relación coa política. No apartado de monográficos, hai un texto do filósofo e escritor mexicano nacido en Galicia Leonardo da Jandra titulado 'Os meus dous mares' e outro de Milton Aragón, 'Comprender ao outro dende a paisaxe e o territorio. Un achegamento dende o pensamento de Leonardo de Jandra'. Por último, o vallisoletano e fillo de galega Francisco José Francisco Carrera achega á revista as súas 'Reflexións ao carón dun eu lírico en proceso de descomposición expresado dun xeito oteriano'.

A publicación, con textos só en lingua galego, é de acceso aberto a través da súa páxina web, “xa que o seu equipo aposta polo coñecemento aberto e a revista está baseada no principio de ofrecer ao público un acceso libre aos artigo para fomentar un maior intercambio global do coñecemento”, recolle Rosa Tedín no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Benvida sexa... Cómaros e por moitos anos e ogallá os artigos publicados cheguen realmente á cidadanía en xeral e non sexa outra desdas revistas universiatarias que non len siquera os propios estudantes universitarios en Galicia... Saúde e Boa Fortuna !!!